Vilalba acollerá este xoves a representación 'As Alumnas', promovida pola Subdelegación de Goberno

O Concello de Vilalba anuncia que este xoves, 4 de decembro, o Auditorio Municipal acollerá a representación teatral As Alumnas, unha actividade promovida pola Alcaldía e que chega á vila a través da Subdelegación do Goberno en Lugo.
A obra centra a súa mirada na figura da pedagoga galega María Barbeito e profundiza no retroceso educativo que supuxo o franquismo, especialmente para as mulleres, ofrecendo ao público unha proposta que invita á reflexión e á defensa da memoria democrática.
A función comezará ás 11:30 horas e contará coa asistencia dun grupo de estudantes do IES Santiago Basanta Silva. Con todo, a representación estará aberta tamén ao público en xeral, con entrada libre ata completar aforo. O Concello anima á veciñanza a achegarse ao auditorio para compartir unha xornada de cultura, memoria e educación.