Vilalba acollerá o Campionato Provincial Xogade de Campo a Través
Area Recreativa da Madalena en Vilalba acollerá o sábado 12 de febreiro o Campionato Provincial Xogade de Campo a Través 2021-22.
Esta proba está organziada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en colaboración coas Agrupacións Deportivas Escolares e está destinada aos deportistas das distintas entidades participantes no programa Xogade.
Esta proposta foi realizada tendo en conta o contexto da situación sanitaria actual polo que a actividade respectará o protocolo Fisiocovid da Federación Galega de Atletismo.
A proba está destinada ás categorías benxamíns (2013 -2014), alevíns (2011-2012), infantís (2010-2009) e cadetes (2008-2007), tanto nenos coma nenas. As carreiras organizaranse por categoría e por sexo, facendo saídas cada 20 segundos por quendas dun máximo de 20 participantes cada unha. Na categoría cadete haberá unha única saída para nenos e outra para nenas.
A inscrición dos/as participantes rematará o domingo día 6 de febreiro ás 23:59 horas e farase enviando o documento de inscrición ás direccións delegacionfgalugo@gmail.com e deporte.escolar.lugo@gmail.com. As entidades deberán indicar a orde de preferencia dos seus atletas para a organización das quendas, no caso de non indicalo adxudicarase a quenda aleatoriamente.
Realizarase unha clasificación individual, segundo os tempos de entrada en meta, e outra por equipos; para cada unha das categorías. A clasificación por equipos será elaborada só cos atletas (6 máximo) dos equipos que entren na meta co mínimo esixido para clasificar, que é de tres (en cadetes) ou catro (no resto de categorías) atletas por entidade. Sumaranse os postos destes tres/catro, resultando vencedor o equipo que menos puntos sume. En caso de empate resultará vencedor o equipo que teña o mellor posto individual.
Os equipos estarán formados polos 6 primeiros deportistas que entren na meta de cada categoría e sexo, polo que non será necesario indicar os compoñentes de cada un na inscrición. Na clasificación final por equipos recolleranse un máximo de 2 por entidade, indicándose co engadido A e B.
Para a fase autonómica (alevín, infantil e cadete ) clasificarán os dez primeiros atletas individuais así coma os dous mellores equipos de cada categoría e sexo (os equipos estarán compostos por un máximo de 6 e un mínimo de 3 en cadetes e 4 no resto de categorías).
Haberá medallas para os/as tres primeiros/as clasificados/as individuais de cada categoría e sexo en cada unha das fases. No apartado de equipos haberá medallas para os tres mellores equipos clasificados de cada categoría e sexo. Na medida do posible a premiación farase durante o transcurso do campionato.