Vilalba acollerá o día 21 a tradicional Feira do Capón

TerraChaXa
O Concello de Vilalba acollerá o xoves 21 de decembro na praza da Constitución unha nova edición da Feira do Capón, unha celebración imprescindible do Nadal vilalbés.
15 Dec 2023

O Concello de Vilalba acollerá o xoves 21 de decembro na praza da Constitución unha nova edición da Feira do Capón, unha celebración imprescindible do Nadal vilalbés.

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, xunto á alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, presentaron este xoves no Parador da localidade esta edición. “Un dos eventos máis esperados da nosa comarca e de toda a provincia, co que abrimos a porta ás festas do Nadal”, valorou Morandeira.

“Esta feira é unha celebración do que somos, da nosa identidade, da nosa historia, do noso rural e da nosa dedicación á terra. Unha cita que se leva facendo case dous séculos e que sería imposible sen a implicación, ano tras ano, dos propios criadores”, sinalou a Deputada, que comezou a súa intervención dándolle os parabéns á Alcaldesa e a todo o seu equipo de Goberno por impulsar esta iniciativa. Unha cita “que pon en valor a nosa riqueza gastronómica e cultural e que, ao mesmo tempo, ten un retorno económico enorme para Vilalba e para a Chaira”.

Destacou que “a feira do Capón de Vilalba fala moi ben do noso bo facer e da calidade dos nosos produtos” e cualificou este produto como “delicia gastronómica, cun sabor único e tenro que non ten outro segredo que o mimo na cría”.

Ademais do Capón de Vilalba, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida, na feira poñeranse á venda outros produtos típicos da zona como o Queixo San Simón da Costa con Denominación de Orixe, así como doces como o roscón e a rosca.

PROGRAMA

O evento arrancará ás 10:00 horas coa apertura ao público da feira, onde o capón estará arroupado, como nos últimos anos, por outros produtos do concello e arredores.

As 11.30 horas chegará o momento máis importante da feira, coa entrega de premios ás criadoras e criadores e o sorteo do mellor par de capóns seleccionados polo xurado. Os asistentes que queiran levarse a casa gratis uns dos mellores capóns da feira soamente terán que deixar o seu nome na caseta da organización. Este ano premiarase tamén o labor dos novos criadores, para seguir incentivando o sector. O mestre de cerimonias deste acto será o periodista Alfonso Hermida.

Trala entrega de premios, de 12.30 a 14 horas, na food truck que haberá na praza repartiranse tapas de capón para que todo o mundo probe e desfrute deste manxar.

A xornada contará con animación musica, que estará a cargo do grupo local Mestura de Nete, que tocará ao largo de toda a mañá no espazo da feira.

0.19708180427551