Vilalba acollerá o sábado a Festa dos Conductores

Vilalba converterase este sábado, 20 de setembro, no escenario dunha nova edición da Festa dos Conductores. A alcaldesa, Marta Rouco, mantivo un encontro no concello con Marcos Anido, representante da asociación Terra Chá, entidade organizadora dun evento que rende homenaxe aos profesionais do volante e tamén a aqueles que gozan da condución como afección.
Rouco destacou a importancia desta iniciativa, lembrando que o sector do transporte é estratéxico e fundamental, polo que “as persoas que se adican a conducir un camión ou unha furgoneta merecen un recoñecemento e unha xornada festiva”.
O programa da cita comezará pola mañá coa chegada progresiva dos vehículos, en especial camións, ás rúas de Vilalba. A continuación terá lugar unha comida de fraternidade no Campo da Feira, mentres que pola tarde estarán dispoñibles inchables para os máis pequenos e realizaranse diferentes sorteos. A verbena da noite poñerá o broche final a unha xornada de celebración.
Á festa acudirán condutores galegos e tamén doutros puntos do Estado, entre eles Asturias e Cantabria, reforzando así o carácter aberto e participativo da convocatoria.