Vilalba acollerá o sábado o acto de entrega do VIII Premio Agustín Fernández Paz

O vindeiro sábado 25 de outubro de 2025, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal de Vilalba será o escenario da entrega do VIII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, que este ano recoñece a obra Queco e Kika, da escritora Eva María Mejuto.
O evento está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e contará cun completo programa literario e artístico que renderá homenaxe á figura do escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, símbolo do compromiso coa igualdade, a educación e a literatura.
A condución do acto correrá a cargo de Carmen Hermida, e intervirán Marisa Barreiro, presidenta do Iescha; Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba; Fran Alonso, director de Edicións Xerais de Galicia; Manuel Bragado, membro do xurado, e a propia Eva María Mejuto, gañadora desta oitava edición do galardón.
A entrega do premio combinará palabra e arte nunha velada na que se sucederán distintas actuacións de música, teatro, poesía e danza. Participarán a Asociación Cultural Andrade, coas pezas Danza das Burgas e Rumbabria; alumnado da Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva, coa proposta Do que non arde; o Minicoro da ESMUVI, cunha homenaxe “ás que cantan, ás que cantaron e ás que cantarán”; e o alumnado da Escola Municipal de Teatro, coa peza Mírame.
O acto contará tamén coa colaboración da Asociación de Xordos de Lugo (AXORLU), que se encargará da interpretación en linguaxe de signos para garantir a accesibilidade do público.
Durante a celebración darase lectura ao ditame do IX Premio Agustín Fernández Paz, avanzando así a nova edición deste recoñecido certame literario que promove os valores da igualdade e da convivencia a través da creación literaria.
A entrada será de balde, mais deberá reservarse con antelación a través da páxina web do Concello de Vilalba, na Casa da Cultura ou o propio día do acto na billeteira do Auditorio, sempre que queden prazas dispoñibles.
O Concello e o Iescha convidan á cidadanía a participar nunha noite especial de celebración das letras, a igualdade e a memoria dun dos autores máis queridos da literatura galega contemporánea.