Vilalba acollerá os Campamentos Dixitais da Fundación Cibervoluntarios este verán

Vilalba converterase este verán nun dos puntos de encontro coa tecnoloxía para a mocidade grazas aos Campamentos Dixitais da Fundación Cibervoluntarios. Esta iniciativa, enmarcada no Programa CODI impulsado polo Ministerio de Xuventude e Infancia, está dirixida a rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos e ofrece unha oportunidade única para aprender, crear e gozar coa tecnoloxía de forma totalmente gratuíta.
Os campamentos terán unha duración dunha semana e realizaranse entre o 23 de xuño e o 5 de setembro, en horario intensivo de 8:00 a 15:00 horas. As datas exactas confirmaranse unha vez se xestionen todas as solicitudes.
Ao remate da semana de formación, os participantes recibirán un certificado oficial DigComp da Unión Europea, que acredita as competencias dixitais adquiridas durante a actividade.
As persoas interesadas poden inscribir aos seus fillos e fillas chamando ao número 674 727 623 ou a través da páxina web oficial: https://campamentodigital.org, onde tamén está dispoñible toda a información relativa aos contidos e organización destes campamentos.