Vilalba acollerá unha versión teatral renovada de 'Memorias dun neno labrego'

A concelleira de Cultura do Concello de Vilalba, Mónica González, e o vicealcalde, Modesto Renda, presentaron unha nova proposta cultural que chegará á vila o vindeiro sábado 7 de febreiro, ás 20.00 horas. Trátase dunha versión teatral renovada da obra Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, coincidindo co décimo aniversario do falecemento do autor.
O espectáculo é unha produción do Centro Dramático Galego, con dirección e dramaturxia a cargo de Cándido Pazó, e propón unha nova ollada escénica sobre un dos libros máis emblemáticos da literatura galega contemporánea. A montaxe conta cun destacado equipo artístico, no que a escenografía e o atrezo corren a cargo de Pablo Giráldez O Pastor, o vestiario de Martina Cambeiro, a música de Xosé Lois Romero e a iluminación de Afonso Castro, coa colaboración de Belén Pichel como axudante de dirección.
No elenco participan Xúlio Abonjo, Santi Romay, Manuel Cortés, Federico Pérez Rey, Iris Darriba, Mónica García e Ana Santos, quen darán vida a esta adaptación teatral dunha obra que forma parte da memoria colectiva de varias xeracións.
As entradas para asistir á función serán de balde e poderán retirarse a través da páxina web municipal, segundo informou o Concello, que anima á veciñanza a participar nesta homenaxe cultural a Xosé Neira Vilas.
Toda a información en Ocioenlugo.com