Vilalba acolleu a clausura da tempada de fútbol inclusivo A Nosa Champions Fútbol

A primeira tempada da historia de A Nosa Champions Fútbol, unha competición de fútbol inclusivo para equipos formados por persoas con discapacidade intelectual, chegou esta fin de semana ao seu remate cunha fantástica xornada celebrada no campo A Madalena de Vilalba. Unha xornada que se levou a cabo grazas á colaboración do Rácing Club Vilalbés, do Concello de Vilalba e da Xunta de Galicia.
Rematou como empezou, cun enorme sorriso por parte de todos os participantes. Desde a RFGF agradeceron a participación do Rácing Club Ferrol, Sociedad Recreativa Calo, RC Celta, Club Deportivo Lugo, Fundación RC Deportivo e Rácing Club Vilalbés, os clubs que fixeron posible o nacemento deste ilusionante proxecto.
O presidente da RFGF, Pablo Prieto, o vicepresidente Carlos Méndez; o director territorial en Lugo de Política Social da Xunta de Galicia, Óscar Viñas; a concelleira de Deportes de Vilalba, Paula Vigo; e o presidente do Rácing Vilalbés, Juan José Vázquez, participaron na entrega de medallas e trofeos xunto a outras autoridades locais.