Vilalba adxudica obras de renovación de viais en varias parroquias
O Concello de Vilalba adxudicou as obras de pavimentación, rexeneración e sinalización de varias vías de titularidade municipal que discorren polas parroquias de Corvelle, Goiriz, Román, Codesido, Carballido e A Costa.
O concello viuse na obriga de suspender estas obras e rescindir o contrato coa primeira empresa adxudicataria, Asfalgal Técnicas Viarias, por graves incumprimentos na realización dos traballos.
“Xa no momento de tomar esa decisión, o concello comprometeuse a adxudicar de novo as obras no menor tempo posible”, lembra o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández. A nova empresa comezará os traballos a comezos de ano, cun orzamento de case 170.000 euros.
Os traballos consistirán na limpeza de noiros e tubaxes de todo tipo; a mellora do drenaxe mediante a colocación de tubaxes adicionais; o recargo e nivelación das capas base, mediante zahorra, macadam ou gravillón donde sexa preciso; a pavimentación mediante dobre ou triple rego asfáltico en toda a superficie, e a sinalización vertical das interseccións.
Este tipo de viais municipais de acceso ós barrios teñen unha importancia fundamental para a circulación de vehículos lixeiros, pesados e maquinaria de todo tipo en dirección ás vivendas, explotacións agrogandeiras e parcelas agrícolas ou forestais.