Vilalba amosa imaxes das actividades espeleolóxicas do GES Ártabros
Vilalba recibe a exposición fotográfica itinerante 50 anos de espeleoloxía do GES que se pode ver na Casa da Cultura.
A mostra enmárcase no 50 campamento galego de espeleoloxía que se celebrará na capital chairega durante o 21 e o 22 de outubro. Deste xeito, servirá como apertura dunha actividade que pretende dar a coñecer a existencia de covas con fermosas formacións debaixo das nosas terras.
O director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), Eduardo Ramil, destaca que “non son moi frecuentes as covas na contorna da Terra Chá, pero cando as hai conservan estalactitas cunha plasticidade peculiar e de gran componente estético que chegan a evocar na xente mitos e lendas”.
Ramil recorda que unha das primeiras experiencias de espeleoloxía que se coñecen é a de Leonardo da Vinci que recoñecía “sentir temor ante a escuridade; pero tamén interese por seguir profundizando”. Así , Ramil apunta que “a espeleoloxía é un deporte-ciencia” porque “non só é unha viaxe ao máis profundo na terra, senón que se aproveita para facer estudos biolóxicos, paleontolóxicos, arqueolóxicos, etc.”. Con todo, puntualiza que “no caso dos arqueólogos non se introducen moito ata o interior das covas, porque a humanidade prehistórica non se afastaba da luz do umbral das covas”.
Exposición Espeleoloxía de exploración subterránea Ártabros
O grupo Ártabros forma parte da asociación de montaña Ártabros, das máis importantes do noroeste peninsular, que traballa na espeleoloxía dende fai máis de 50 anos tal e como recollen nesta mostra a través dun “discurso cronolóxico” que amosa as súas actividades: exploracións, cursos de formación, cursos de espeleosocorro, campañas de estudos de quirópteros –morcegos-, participación en Congresos Internacionais, etc.
L Campamento Galego de Espeleoloxía
Despois da inauguración da exposición como actividade previa ao campamento, xa entre o 21 e o 22 haberá unha exposición sobre a evolución histórica dos planos da cova do Rei Cintolo –dende os primeiros de Villamil y Castro (1873) ata a actualidade-. Tamén con respecto ao Rei Cintolo, dentro desta exposición, hai unha aportación vilalbesa: o doutor Ramil no ano 1954 cun grupo de persoas de Vilalba exploraba a cova e fixeron a súa planimetría.
O campamento contará cunha mesa redonda de paleontoloxía e arqueoloxía relacionada con covas á que asistirá Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático de Paleontoloxía na Universidade da Coruña e director do Instituto Xeolóxico de Laxe; Carlos Fernández Rodríguez, profesor especialista en paleontoloxía da Universidade de León; Eduardo Ramil, director do MUPAV como especialista en arqueoloxía e outros convidados expertos en xeoloxía que completarán o grupo de debate que pretende abordar tamén cuestións medioambientais coma a doa tramitación dos permisos para as prácticas de espeleoloxía en terreos protexidos.
Tamén están previstas dúas saídas a covas que non son frecuentadas habitualmente para fotografalas e estudalas de novo. En Vilalba, tal e como indica Ramil, hai poucas covas. “Hai máis covas na imaxinación da xente que no soterrado: a Pena do Encanto e a cova pasadizo que dende a Pena de Miguel nunca chegou á Torre de Vilalba. Con todo, hai covas calcáreas nos municipios da comarca coma os de Abadín ou Pol. Así, ademais das visitas ás covas de Mondoñedo –a do Rei Cintolo e as 14 que hai na ladeira de enfronte-; tamén se achegarán á cova da Meiga ou dos Santos nos Samordás (Abadín) e á da Valiña (Castroverde-Pol) ocupada polos primeiros sapiens sapiens en Galicia.
Cunha visita ao Museo de Vilalba e unha ruta arqueoloxía polo municipio, remata o domingo o campamento.
Na presentación da mostra e do campamento tamén estiveron presentes as concelleiras Sandra Vázquez e Flor Rey. O presidente do grupo de espeleoloxía, Manolo Díaz, non puido acudir por problemas loxísticos; pero quixo agradecer a colaboración do MUPAV e do Concello de Vilalba.
Inscrición
Os deportistas con licenza da Federación Galega de Espeleoloxía (FGE) interesados en participar deben inscribirse antes do xoves 5 de outubro por un prezo de 25 euros -30 no caso de acompañantes non federados- contactando coa organización (GES Ártabros) a través do teléfono 981 213 115 ou do enderezo electrónico artabros@artabros.org.