Vilalba amplía a 22 parroquias o seu ciclo de dinamización rural para fomentar a convivencia e a vida no rural

O Concello de Vilalba presenta unha nova edición do ciclo de dinamización rural, unha iniciativa que se consolida como unha das máis exitosas do municipio pola súa capacidade de achegar actividades, convivencia e vida ás parroquias.
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Benestar, Paula Vigo, deron a coñecer hoxe o programa, que nesta terceira edición aumenta a participación ata un total de 22 parroquias: Rioaveso, Vilapedre, Mourence, Santaballa, Codesido, Ladra, Goiriz, Insua, Nete, Belesar, Sancovade, San Simón, Alba, Carballido, Oleiros, Distriz, Tardade, Lanzós, Corvelle, Noche, Árbol e Román.
Como en edicións anteriores, o Concello ofreceu a todas as asociacións de veciños e veciñas a posibilidade de sumarse á iniciativa, que finalmente chegará ás parroquias que manifestaron o seu interese en participar. As actividades comezarán a vindeira semana e prolongaranse durante os próximos meses, con tres modalidades principais: manualidades, exercicios de memoria e ximnasia de mantemento. As sesións celebraranse todas as semanas polas tardes, agás na parroquia de Román, onde terán lugar os sábados pola mañá.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “este programa é moito máis que unha proposta de ocio: é unha maneira de fortalecer a convivencia e combater a soidade das persoas que viven no rural. Queremos que cada parroquia teña vida, actividades e espazos de encontro que fagan sentir a todos os veciños e veciñas parte activa do noso concello”.
Rouco engadiu que “mantemos o compromiso firme de gobernar para todos e todas, tamén para quen vive no rural, ofrecendo oportunidades para gozar, aprender e compartir momentos en compañía”. Con esta iniciativa, o Concello de Vilalba reafirma o seu compromiso co equilibrio territorial e coa dinamización social do rural, impulsando proxectos que contribúen a mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza en todas as parroquias do municipio.