Vilalba amplía en dúas horas o peche dos establecementos hostaleiros nas festas

TerraChaXa
O Concello de Vilalba informa da ampliación do horario de peche de hostalería con motivo das diferentes festividades do ano.
hostalaria
17 Feb 2023

O Concello de Vilalba informa da ampliación do horario de peche de hostalería con motivo das diferentes festividades do ano, por medio dunha Autorización Especial para a Celebración de Espectáculos e Eventos.

A alcaldesa Elba Veleiro acordou a ampliación en dúas horas máis do legalmente establecido dentro do ámbito de poboación deste municipio, unha autorización que entrará xa en vigor na celebración do Entroido.

Desta forma, a nova regulación aplicarase xa desde a noite de onte (xoves de carnaval) ata a noite do 20 ao 21 de febreiro (incluída).

A ampliación dos horarios se aplicará na Semana Santa (desde a noite do 1 ao 2 de abril ata a noite do 8 ao 9, incluída), no FIV e a Festa do Traballo (desde a noite do 28 ao 29 de abril ata a noite do 30 de abril ao 1 de maio), e nas Letras Galegas (a noite do 16 ao 17 de maio).

Tamén se ampliará dúas horas máis a apertura dos locais no San Xoán nas noites do 23 ao 24 e do 24 ao 25 de xuño, así como nas Festas do Apóstolo (dende o 21 ao 22 ata a noite do 24 ao 25 de xullo, incluída).

A Festividade da Asunción (do 11 ao 12 ata a noite do 14 ao 15 de agosto), a de San Ramón e Santa María (do 25 ao 26 de agosto ata a noite do 3 ao 4 de setembro), o Día da Hispanidade (do 11 ao 12 de outubro ata o 14 ao 15 de outubro), a de Todos os Santos (a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro) así como á Ponte da Constitución (todas as noites desde o 5 ao 6 ata a noite do 9 ao 10 de decembro) tamén se ven favorecidas por esta nova orde.

A ampliación dos horarios chegará ata o Nadal, incluído dende a noite do 22 ao 23 de decembro de 2023 ata a do 6 ao 7 de xaneiro de 2024.

0.16422891616821