Vilalba ampliará a zona azul á praza de San Xoán e rúa de Galicia
O vicealcalde e Responsable de Mobilidade, Modesto Renda, anunciou hoxe a vindeira ampliación da Zona Azul en dúas novas localizacións do casco urbano. Concretamente, a regulación do estacionamento afectará á Praza de San Xoán e a un tramo da Rúa de Galicia comprendido entre a súa intersección coa Rúa do Calvario e a intersección coa Rúa García Hermida.
Renda, que contextualizou a medida na necesidade de “dar resposta ás demandas de comerciantes e hostaleiros/as”, explicou que o horario será o mesmo que o das restantes zonas xa reguladas, isto é: de luns a sábado de 09:00 a 14:00 horas, estando permitido o estacionamento de maneira gratuíta nun período máximo de 90 minutos.
“O obxectivo é evitar que se aparque o vehículo desde a mañá ata a noite, ao tempo que se deixa unha ampla marxe de tempo gratuíto para facer xestións ou compras”, declarou.
A medida entrará en vigor unha vez se teñan rematado os traballos de pintado e sinalización vertical e o Concello dará un mes de marxe como período de proba antes da súa implantación definitiva.