Vilalba aproba o proxecto para instalar decantadores nas potabilizadoras e mellorar a calidade da auga
O Concello de Vilalba aprobou hoxe, en pleno extraordinario e por unanimidade, o proxecto de instalación de decantadores lamelares nas Estacións de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de San Simón e As Cañotas, co obxectivo de solucionar os problemas de turbidez na auga que afectan o casco urbano. A medida está enmarcada no convenio de mellora do ciclo da auga entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello.
A alcaldesa Marta Rouco destacou que “esta obra é das máis importantes para o benestar diario dos vilalbeses e vilalbesas, pois permitirá eliminar a turbidez que se produce especialmente nas épocas de choivas intensas, cando o sistema actual non logra clarificar a auga de xeito óptimo”.
Os novos decantadores lamelares facilitarán a eliminación de lodos e residuos semipesados, mellorando a calidade da auga para o tratamento posterior. Ademais, o proxecto inclúe a instalación de filtros que contribuirán á limpeza previa da auga, optimizando así o proceso de potabilización. A actuación complementará a futura renovación do saneamento na Rúa Plácido Peña, onde a infraestrutura actual precisa modernizarse para evitar calquera residuo na auga canalizada cara ás vivendas.
Esta iniciativa súmase á recente mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Vilalba, completada a comezos de ano cun investimento de 1,7 millóns de euros tamén en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A intervención permitiu reducir as verteduras non tratadas ao río Madalena mediante a ampliación do pretratamento na EDAR e a construción dun tanque de tormentas, reforzando así a protección ambiental da contorna.