Vilalba arranca os seus 17 días de festa


O concello de Vilalba, vai quentando motores para a ce das Festas do San Ramón e Santa María do 2025, que se celebrarán a partir do 22 de agosto malia que, o XXXII Torneo San Ramón de tenis deu comezo o sábado 16. Como previa á festividade propiamente dita, ten lugar na Casa da Cultura, unha exposición de óleos de Pepe Lafuente, organizada polo Iescha e aberto o día 1, que se poderá visitar ata o 3 de setembro.
Desde o Goberno remarcaron o interese social das festas, que “significan moito para os vilalbeses e son punto de reencontro dos veciños que viven fóra e regresan polas festas á localidade”.
A XIRA
Na programación, plásmanse tres semanas de celebración que se inaugurarán coa tradicional xira campestre, á que seguirá a xira dos maiores poucos días despois, concretamente o mércores.
Neses días, haberá sesións vermú e verbenas amenizadas polas orquestras máis sonadas do panorama galego como é o caso de Límite, Los Key e grupo Da Silva no primeiro caso e o dúo Venus, que actuarán no día dos maiores por ser os máis solicitados polos homenaxeados.
Destaca a IV sesión de djs locales, xa que serán eles os que den inicio á xira campestre, o venres 22. David García, Cris Vázquez, Bris Trad e Decrux encargaranse de animar á toda a explanada da Madalena.
Tamén terá lugar, como cada ano, o Trofeo President, organizado polo Rácing Vilalbés, que volverá a xogar contra o Bergantiños o sábado pola tarde. O xoves 28, no Auditorio Municipal, acollerase a inauguración da exposición das pinturas de Pedro Cabarcos Quintela. Será a partir das 20.00 horas e poderá visitarase ata o día 4.
O moi esperado Día da Bicicleta, organizado pola Casa da Xuventude, será ao día seguinte (venres 29). Trátase dun arraigado evento que fomenta o deporte na rúa e a vida saudable, ademais de propiciar que a xente nova, os pequenos e os maiores compartan valores, actitudes, respecto e espírito de equipo.
Logo de dedicarlle todo o día a este encontro deportivo, o grupo Mario Colomán & The Clocks Band convidarán á veciñanza a desfrutar da súa actuación musical. Ás 22.00 horas, será a quenda de A Banda da Loba, que dará un concerto no Auditorio Municipal.
PREGÓN INAUGURAL
As celebracións oficiais darán comezo coa lectura do pregón, que estará a cargo das irmás Purriños, as fotógrafas Yolanda e Inma, ao mesmo tempo que se fará entrega do premio do Certame Literario. No acto, actuarán bandas tradicionais como a Banda de Música de Vilalba e a súa Minibanda, así como Shera&Sile, que xa estiveron o ano pasado.
O certame é unha iniciativa que xa leva máis de cincuenta anos activa desde que Loly Soto a sacou adiante cando era concelleira, no ano 1971. Non se consolidou definitivamente ata o ano 1976 e, malia que no 1979 cesou no seu cargo a organizadora, as sucesivas corporacións municipais continuaron coa súa celebración.
Pola noite, seguirá habendo música, neste caso, por parte de Xosé Lois&Aliboria, Marcos Peón, Dj Frisco e Dj Zalo. A fin de semana rematará festexando a San Ramón, o domingo 31, día tamén dedicado ao traxe galego. Volverá a haber sesión vermú e verbena, Neste caso con Triunfo facendo dobrete e New York pola noite. Non faltarán os pasarrúas a partir das 11.00 horas, amenizados pola Asociación Cultural Mato Vizoso e a Asociación Cultural Andrade. O deporte tamén será protagonista ese día co Trofeo Memorial Jorge Tato, disputado polo equipo xuvenil Rácing Club Vilalbés.

A ultima semana comezará co día dedicado a Santa María e rematará coa celebración do día da Feira e Día da Parroquia. Buxos Verdes da Chaira e Entre Lusco e Fusco serán os encargados dos pasarrúas o día da Patroa e Los Españoles e Panorama City completan o apartado musical. Seguirán os días infantís, os días 2 e 3 de agosto.
INFANTIL
Este ano haberá dous días de programación exclusiva infantil para que os máis pequenos tamén teñan a oportunidade de desfrutar das festas. Novamente un convenio firmado entre o Concello e Entrepinares servirá para sufragar estas actividades e lecer para os máis pequenos.
O primeiro día terá lugar tamén o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, na praza de Santa María e o segundo día serán as Simultáneas de Xadrez, que este ano chegan á súa XXXI edición que, malia que se celebran no Día Infantil, as partidas estarán abertas á participación do público en xeral. Desde a organización lembran, que se o tempo non o permitise, en lugar de ser na praza da Constitución, trasladaranse ao Espazo Xove.
Todo isto, a maiores da chea de actividades que haberá ámbolos dous días, como inchables, Shotter Gallery, Rokomonte ou Simuladores; na praza da Constitución tanto pola mañá como pola tarde. O mércores, incluirase a Festa da Escuma.
Rematará o día co tan esperado concerto do artista Carlos Baute, a gran proposta musical deste ano.
O xoves 4 acollerase na praza da Constitución unha foliada para animar as rúas con Noxo Me Das e Orquestra Bravú Xangai como protagonistas, ademais da proxección dunha das películas gañadoras dos premios do ciclo Mestre Mateo, concretamente +Cuñados, no Auditorio Municipal de Vilalba, outra das actividades organizadas polos Iescha.
O día seguinte é a quenda para conmemorar o 25 aniversario do centro ocupacional de Vilalba.
O sábado 6, o Auditorio Municipal acollerá o certame de bandas Pepe Guntín, outro dos clásicos das festas. A música da verbena correrá a cargo de La Nave e o grupo Arizona.
FIN DE FESTA
O último día estará dedicado á Feria e rematará cunha sesión vermú e logo haberá un tardeo para clausurar as festas, xa que o luns será o día no que se inicie o curso escolar. Este ano, escolleuse San Xurxo de Rioaveso como parroquia homenaxeada e serán a Asociación Cultural Árdelle o Eixo e Cerna de Árbol os que se encarguen da recepción inicial.
Na parte deportiva, o 6 será a Carreira Nocturna dentro do circuíto de carreiras da Terra Chá. Esta iniciativa, organizada polo Club Atletismo Vilalba coa colaboración do Concello de Vilalba, chega á súa sétima edición.
Tamén, o día da parroquia, aproveitarase a oportunidade para disputar o Campionato de Liga, un duelo entre o equipo local, o Rácing Club Vilalbés, e o Alondras.
