Vilalba celebra a primeira edición do Mercado de Nadal esta fin de semana

O Concello de Vilalba, a través da Alcaldía e da Concellería de Feiras e Mercados, celebrara esta fin de semana o seu primeiro Mercado de Nadal, unha proposta dirixida a profesionais dedicados á venda de produtos típicos destas datas, artesanía, artigos de agasallo e outras opcións relacionadas co ambiente festivo.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou que este novo mercado naceu coa intención de ofrecer un espazo atractivo e dinámico no corazón da vila, co obxectivo de reforzar o comercio local e sumar unha actividade adicional para veciños, veciñas e visitantes. Subliñou tamén que a iniciativa representa un avance na dinamización da Praza de Santa María, un propósito asumido este ano tanto pola Alcaldía como pola Concellería de Feiras e Mercados.
O Mercado de Nadal coincide co domingo de feira do mes de decembro e intégrase ademais na programación especial de Nadal impulsada pola Concellería de Infancia e Xuventude, converténdose nun novo punto de encontro e actividade para públicos de todas as idades. Os postos abrirán o sábado 6 de decembro de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30, e o domingo 7 de decembro de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30.
Coa posta en marcha desta primeira edición, o Concello continúa ampliando a súa oferta de actividades e reforzando a súa aposta pola promoción económica e social da vila.