Vilalba celebra con adianto o Día das Bibliotecas cun espectáculo sobre mitoloxía galega

TerraChaXa
A sesión incluirá tamén unha ilustración en directo de Olliño a cargo de Leandro Lamas, que amosará ao vivo o seu talento artístico
tetro-biblioteca-vilalba
21 Oct 2025

Este mércores, 22 de outubro, o Concello de Vilalba celebrará por adiantado o Día da Biblioteca cun espectáculo moi especial titulado Seres mitolóxicos do reino de Galicia, a cargo de Sole Felloza e Leandro Lamas. A actividade está dirixida a público adulto e tamén a crianzas a partir dos 4 anos, ofrecendo unha oportunidade única para mergullarse na maxia e nas lendas galegas.

A partir das 17:30 horas, o público poderá gozar dunha narración centrada nos seres mitolóxicos de Galicia, con especial protagonismo para os olláparos e, como non podía ser doutra maneira, para Olliño, unha das figuras máis emblemáticas do noso imaxinario popular.

A sesión incluirá tamén unha ilustración en directo de Olliño a cargo de Leandro Lamas, que amosará ao vivo o seu talento artístico. Ao remate, tanto Leandro Lamas como Sole Felloza asinarán exemplares do mapa dos seres mitolóxicos galegos, un recordo perfecto para levar para casa.

As inscricións xa están abertas e poden realizarse a través deste enlace.

Desde a organización anímase a todas as familias e amantes da cultura galega a participar nesta actividade que combina arte, tradición e fantasía para celebrar o valor das bibliotecas e da mitoloxía popular.

⚙ Configurar cookies
0.06902813911438