Vilalba celebrou con éxito a XXX Festa do Queixo San Simón da Costa

Vilalba celebrou a XXX edición da Festa do Queixo San Simón da Costa cunha xornada inaugural marcada pola elevada participación e unha notable afluencia de visitantes na carpa instalada na Praza da Constitución, pola que pasaron centos de persoas ao longo de todo o día. A cita reafirma así o seu papel como un dos principais eventos gastronómicos e de lecer da Semana Santa en Galicia.
A programación do sábado, 4 de abril, arrancou ás 9:00 horas coa saída da décima Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón da Costa, unha proba xa consolidada que reuniu a máis de 200 participantes. Ás 11:00 horas abriu oficialmente a feira, que mantivo un fluxo constante de público interesado en degustar e adquirir este produto emblemático da comarca. A mañá completouse cun showcooking ás 12:00 horas a cargo de Marcos Pereiro e cunha sesión vermú amenizada por Mekanika Rolling Band, que contribuíu a crear un ambiente festivo nas rúas da vila.
Pola tarde, a actividade continuou cun taller de cociña infantil centrado no queixo San Simón, seguido dunha cata de queixo e sake organizada pola Ruta Europea do Queixo, entidade á que pertence o Concello. O momento central chegou ás 19:00 horas co pregón, tamén a cargo de Marcos Pereiro, no que se fixo entrega dos premios da proba ciclista.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou o carácter especial desta edición, que conmemora tres décadas dunha festa nacida en 1995 co obxectivo de promocionar un dos produtos máis recoñecidos da zona. Segundo sinalou, o queixo San Simón da Costa representa “tradición, presente e futuro”, sendo un sector clave pola súa capacidade de xerar emprego e riqueza na comarca. Rouco puxo tamén en valor o crecemento continuo do evento, que cada ano rexistra cifras récord de visitantes e vendas, así como a ampliación da programación ao domingo pola tarde para dar resposta á demanda do público.

A rexedora agradeceu o traballo da Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa, do Consello Regulador da DOP e do conxunto de gandeiros e gandeiras, cuxo labor garante a calidade dun produto transmitido de xeración en xeración. Do mesmo xeito, salientou a implicación da veciñanza, definindo Vilalba como un pobo acolledor que converte esta celebración nun espazo de encontro e convivencia.
A xornada contou tamén coa presenza institucional da deputada de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo, Marisol Morandeira, quen asistiu ao pregón xunto á alcaldesa e puxo en valor o queixo como motor económico e símbolo de identidade da provincia e da Terra Chá. Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou a calidade do produto e o papel da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que integra 386 gandeiros e nove queixerías, cunha produción superior aos 560.000 quilos anuais e un valor estimado de cinco millóns de euros.
Tamén participou na cita a deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, quen incidiu no potencial de Vilalba para avanzar na transformación e comercialización de produtos do sector primario. A nacionalista defendeu a necesidade de impulsar políticas públicas que favorezan o valor engadido no rural, contribúan á creación de emprego e axuden a fixar poboación, ao tempo que destacou o papel da festa como escaparate do patrimonio gastronómico e cultural da comarca.
A conselleira do Medio Rural participou igualmente na inauguración do evento, reforzando o apoio institucional da Xunta a esta cita. Durante a súa intervención, puxo en valor o queixo como reflexo do traballo e da dedicación do sector gandeiro e queixeiro, incidindo no coidado que hai detrás de cada peza e na importancia da DOP como garantía de calidade e elemento diferenciador no mercado.
A programación da primeira xornada completouse pola noite cos concertos de 9Louro e Mondra, mentres que a celebración continuou o domingo cunha nova xornada que comezou ás 10:00 horas coa apertura da feira. O programa incluíu showcooking con Miguel Mosteiro e Aceites Abril ás 12:00 horas, sesión vermú con Festicultores ás 13:00, unha cata de queixo e cava ás 16:00, baile no Centro Cultural co Dúo Épok ás 17:00 e unha cata guiada de queixos DOP San Simón da Costa con viños da DO Ribeiro ás 17:30. A feira pechouse ás 19:00 horas, poñendo fin a unha edición especial.
A xornada do domingo rexistrou, como é habitual, a maior afluencia de público, coincidindo ademais coa tradicional feira mensual de Vilalba. A carpa estivo chea desde primeira hora, con numerosas vendas e un notable interese polos distintos tipos de queixo. O bo ambiente mantívose tamén durante a tarde, unha das novidades desta edición, con actividades, catas, postos abertos e un peche festivo no centro cultural.
A XXX Festa do Queixo San Simón da Costa pechou así as súas portas cun balance moi positivo, superando de novo as expectativas de público e vendas. Mantense a tendencia de crecemento dos últimos anos, con máis postos e unha programación cada vez máis ampla. Tanto o Concello como as queixerías participantes coinciden en destacar o éxito dunha cita que medra edición tras edición e se consolida como un referente gastronómico e de lecer en Galicia.
“Estamos moi satisfeitos coa resposta do público; o listón segue subindo e é un orgullo que cada vez máis xente coñeza a nosa festa”, afirmou a alcaldesa Marta Rouco. Na mesma liña, a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, subliñou que ao éxito contribuíron tamén as actividades paralelas, como os concertos do sábado, os showcookings, a Ruta BTT, as catas e a animación da sesión vermú.