Vilalba celebra esta fin de semana un dos cursos de apicultura da Deputación

Vilalba acollerá esta fin de semana o curso do programa de formación en apicultura que a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo vén desenvolvendo nos dous últimos anos da man da Casa do Mel.
Trátase de cursos de 10 horas con contidos teóricos e prácticos enfocados na ampliación e actualización de coñecementos das apicultoras e apicultores. O deputado de Rural Daniel García explicou “que se trata dunha formación gratuíta coa que damos continuidade ao programa que puxemos en marcha o ano pasado, para apoiar con coñecemento actualizado e prácticas adaptadas ás dificultades que afronta o sector como a velutina, o traballo das apicultores e apicultoras”.
As persoas interesadas en asistir teñen que anotarse no enderezo electrónico casadomel@vodafone.es ou no teléfono 661 003 616. En Vilalba o curso será na Escola de Pedragosa, en San Simón da Costa, os días 13 e 14 de setembro, de 9 a 14 horas. A temática céntrase en nutrición e alimentación apícola. O curso conta cun módulo teórico no que se abordan materias apícolas directamente relacionadas coa nutrición ou alimentación como: anatomía, etoloxía, fisioloxía, microbioloxía ou patoloxía apícola. No terceiro módulo, práctico, as persoas asistentes fabricarán o seu propio alimento seguindo as receitas ofrecidas ou buscando unha personalización nos produtos. Conta coa colaboración da Asociación Serra da Carba.