Vilalba celebra hoxe o San Ramón tras un inicio das festas ao grande

TerraChaXa
Tralo inicio oficial das festas hoxe, Vilalba continuará mañá celebrando as súas patronais cun amplo e variado programa.
concerto tanxugueiras vilalba 2
31 Ago 2022

Continúa en Vilalba as festas patronais na honra a San Ramón e Santa María e faino tras un éxito total do Día da Bicicleta, con centos de participantes de todas as idades; así como a entrega do premio literario á profesora Jesusa Camaño Giráldez. Dúas xornadas intensas que dan pé a de hoxe, na que se vivirá o seguinte programa:

  • 10.45 Pasarrúas con Banda de Gaitas Mato Vizoso e Buxos Verdes
  • 12.00 Misa co Coral Luar e procesión
  • 13.15 Circo itinerante musical con Meso.
  • 14.00 Sesión vermú coa orquestra Pontevedra
  • 20.00 Concerto da Banda de Música de Vilalba
  • 23.00 Verbena co Combo Dominicano
  • 0.00 Fogos artificiais

A vila conta ademais con nova decoración, en forma de ganchillo, que se foi sumando nos últimos días ao manto orixinal do programa Tecendo Redes.

PROGRAMA DO XOVES

Así mesmo preséntase para este xoves, día 1 un novo programa completo que se iniciará de novo a primeira hora cos pasarrúas a cargo de Lusco e Fusco e A.C. de Andrade.

A Asociación Cultural de Andrade nace dun grupo de pandereteiras, formado tanto por nenas como por adultos, que comezaron os seus primeiros cantos e repeniques polo curso 1999/2000. Dende ese primeiro curso participaron en diferentes progamas.

Ao longo do tempo fóronse engadindo as clases de baile tradicional, gaita e linguaxe musical e máis recentemente, percusión brasileira e cantos de taberna. Na actualidade contan con máis dun centenar de alumnos de diferentes idades en todas as nosas actividades. O ano pasado desfrutaron da experiencia de integrar os ritmos galegos dentro da danza para tentar amosar a multiculturalidade de España.

Entre Lusco e Fusco é un grupo de baile, canto e música tradicional que remonta a súa orixe ao ano 1990. Ao longo destes 32 anos de percorrido, os membros da asociación tiveron a posibilidade de acudir á televisión de Galicia, de facer intercambios culturais tanto na nosa comunidade autónoma como fora dela, actuar en distintos eventos, actos e festividades da comarca da Terra Chá, ademais de participar na vida cultural da vila e dos seus arredores.

Na actualidade conta con arredor de 100 socios de diversas franxas de idade nenos/as, adolescentes e adultos, repartidos nas diferentes disciplinas que se imparten. Persoas con carácteres, personalidades e ideoloxías distintas, pero cun obxectivo común: tocar, bailar e cantar. Ou noutras palabras, promover e ensinar a cultura tradicional galega de xeito ameno e desfrutando da mesma.

O oficio relixioso estará ao cargo nesta ocasión da Polifónica Vilalbesa, á que seguirá a tradicional procesión. Antes do xantar estará tamén a sesión vermú de Ritmo Joven, que tamén estará na verbena xunto a La Fórmula.

Destaca no programa o concerto de Crzy, ás 23.00 horas, na praza da Constitución dentro do apartado e concertos.

CRZY é un artista que comezou a facer música aos 13 anos, sempre como afección. Non se clasifica en ningún xénero ou estilo musical específico, senón que lle gusta experimentar con calquera tipo de sons e con diferentes expresión artísticas, aínda que ata agora moveuse sobretodo pola música coñecida como urbana na que se inclúen rap, trap, reguetón, etc.

programa festas vilalba
lusco e fusco
ac andrade
crzy
0.20948195457458