Vilalba celebra o 25N con teatro, un libro e un manifesto
O Concello de Vilalba presenta a súa programación con motivo do 25N, o Día Internacional contra a Violencia Machista.
“Haberá actividades para todas as idades, pero queremos implicar especialmente á comunidade educativa, traballando cos nenos, nenas e a mocidade en temas como a igualdade, a educación sexual e os modelos de masculinidade e feminidade”, sostén a alcaldesa, Marta Rouco.
O venres, día 24 de novembro, ás 12:00 horas lerase un manifesto diante do concello e os nenos e nenas dos colexios de Vilalba formarán un lazo xigante e un cartel xigante en contra das violencias machistas.
Pola tarde, ás 19.30 horas, a praza de Santa María acollerá As voces da conciencia, unha obra coral entre mulleres contra a violencia machista (se chove trasladarase ao auditorio municipal). Un espectáculo de Margarida Mariño e Laura Iturralde.
Ademais, editouse un pequeno libro, En Vilalba falamos de sexo, co que a técnica de Igualdade municipal vai traballar ao longo desta semana e a semana que vén nos colexios e os institutos sobre educación sexual e os modelos de masculinidade e feminidade. Para o alumnado de 5º e 6º de Primaria, ESO e ciclo medio de FP.