Vilalba celebra o 8M desde distintos frentes

TerraChaXa
Baixo o lema Feminismo organizado para varrer o patriarcado, da Marcha Mundial das Mulleres da Galiza para este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, os colectivos feministas de Vilalba e da Terra Chá chaman á mobilización das mulleres de Vilalba, co obxectivo de visibilizar as loitas e reivindicacións do feminismo galego ao longo de todo o ano "para a erradicación da desigualdade, a discriminación e a violencia que sufrimos".
8m concentracion vilalba
6 Mar 2024

Baixo o lema Feminismo organizado para varrer o patriarcado, da Marcha Mundial das Mulleres da Galiza para este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, os colectivos feministas de Vilalba e da Terra Chá chaman á mobilización das mulleres de Vilalba, co obxectivo de visibilizar as loitas e reivindicacións do feminismo galego ao longo de todo o ano "para a erradicación da desigualdade, a discriminación e a violencia que sufrimos".

Así están previstas varias accións este mesmo día 8. Ás 17,30 horas, na casa da cultura comezarase cunha lembranza da
compañeira Lola Ferreiro, psiquiatra que denunciou o androcentrismo na medicina e todo un referente no feminismo galego, falecida no pasado decembro.

A continuación, o Club de Lectura Feminista de Vilalba presentará unha guía con suxestións de lecturas feministas que se levaron a cabo neste colectivo.

Ás 18,30, Noelia Darriba, unha das creadoras do xogo Invisibilizadas. Feminismos no tempo, presentará este proxecto lúdico galego da Cooperativa Atalaias para divulgar a historia do feminismo.

Ás 20.00 horas farase unha concentración na Praza da Constitución, na que se procederá á lectura do manifesto deste ano e que rematará coa escenificación de Esperando, peza creada a partir do poema Waiting, de Faith Wilding a cargo dun grupo de alumnas da Escola de Teatro de Vilalba.

BIBLIOTECA

As actividades de conmemoración do 8 de marzo tamén chegan á Biblioteca Municipal. O vindeiro 13 de marzo Xiomara Lazo, axente de igualdade do Concello de Vilalba, impartirá dous obradoiros

No primeiro, de 16.00 a 17.00 horas será a ver do taller Mulleres na historia, dirixido a nenos e nenas nados entre 2018 e 2020. De 17.30 a 18.30 o obradoiro Mulleres galegas rebeldes e pioneiras estará dirixido a nenos e nenas nados entre 2015 e 2017.

E finalmente, o 19 de marzo de 19:00 a 20:00, Xiomara impartirá un obradoiro que xirará entorno á guía do Concello En Vilalba falamos de sexo e estará dirixido a familias e público xeral.

As persoas que desexen participar poden anotarse ata o venres, 8 de marzo enviando un WhatsApp á Biblioteca Municipal no 626 399 329 ou achegándose presencialmente ata as instalacións.

Ademais, están a piques de rematar os obradoiros de empoderamento e referencias femininas nos centros educativos que organizou o Concello de Vilalba desde o pasado 26 de febreiro.

Foron unhas xornadas nas que se traballaron cuestións clave para unha sociedade máis igualitaria como a corresponsabilidade, a fraternidade ou a sororidade nos distintos niveis educativos de todos os centros escolares do municipio

Despois de pasar polos distintos centros de Román, Lanzós e Vilalba, rematarán este luns.

Os obradoiros foron impartidos pola axente de igualdade do Concello, Xiomara Lazo. Ademais, Xiomara axudou ao alumnado na creación de blogs con entrevistas a referentes femininas e unha proposta de nomes femininos para o rueiro da vila.

EXPOSICIÓN SOBRE EDUCACIÓN

As propostas de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller continúan cunha nova proposta. Trátase da exposición Educación en feminino: un paseo pola historia. Edición 2023/2024, que se instalará no IES Santiago Bastanta Silva grazas á colaboración da Facultade de Profesorado de Lugo.

Son 36 paneis en galego dedicados a medio cento de educadoras referentes elaborados polo alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar do primeiro curso do Grao en Mestre/a de Educación Primaria e do Dobre Grao en Intantil e Primaria.

A exposición, que estará no Basanta Silva ata o día 21 de marzo, inaugurarase este venres día 8 ás 12:00 coa presenza da alcaldesa, Marta Rouco, a directora do instituto, María Trillo e Laura Caraballeira, alumna da USC que participou na elaboración dos paneis.

0.18762803077698