Vilalba celebra o Día da Biblioteca cun concurso
A Biblioteca Municipal de Vilalba convoca o concurso “Recomendar ten premio”, co obxectivo de conmemorar o día da biblioteca o vindeiro 24 de outubro. Esta iniciativa busca o fomento da lectura, así como impulsar o hábito de visitar a biblioteca como espazo público de aprendizaxe e lecer.
Para participar no concurso, as persoas interesadas deberán sacar unha fotografía recomendando un libro que pertenza á colección da biblioteca municipal (na imaxe debe aparecer somentes o libro). A continuación, enviarase a imaxe ao número de WhatsApp 626399329, xunto cos datos persoais (nome, apelidos, DNI ou número de carné da biblioteca) e un texto coa súa recomendación.
A participación neste concurso está aberta a todos os socios e socias da Biblioteca Municipal sen importar a idade. Aquelas persoas que aínda non sexan socias poden solicitar gratuitamente o carné, o cal é entregado ao momento.
A inscrición no concurso está aberta ata o vindeiro 29 de outubro de 2021, na biblioteca Municipal de Vilalba en horario de 10:00 a 13:00 e de 15:30 a 18:30.
Unicamente se permitirá unha fotografía por usuario/a e recibirase confirmación de recepción da imaxe. Unha vez remate o prazo de participación, as fotografías serán numeradas e expostas na biblioteca ata o 10 de novembro de 2021.
Os usuarios e usuarias da biblioteca serán quen voten pola mellor recomendación, valorando o texto e a imaxe. Deste modo, poderán depositar o seu voto, anónimo e limitado a 1 por usuario/a, nunha urna instalada na propia biblioteca.
O Concello de Vilalba entregará á fotografía que reciba un maior número de votos, un lote de libros e material de papelería por valor de 60 euros.