Vilalba celebra o Día do Libro cun contacontos
A Biblioteca Municipal de Vilalba acolle o xoves día 20 de abril o contacontos de Caxoto (A Trastenda dos Contos) Un libro baixo a almofada. Esta actividade entra dentro dos actos de celebración do Día do Libro que se celebra o domingo 23.
A cita, que comezará ás 18:00 horas, está dirixida a nenos e nenas a partir dos 4 anos e rinde homenaxe aos libros clásicos lidos na infancia, aos libros que marcaron e sentaron a base do que somos e nos levaron polas nosas primeiras aventuras e fantasías.
Cunha duración duns 50 ou 60 minutos, Caxoto narra como cando era pequeno lle custaba moito prender no sono e sempre que podía retrasaba a hora de irse para a cama, ata que un día viu ao seu irmán maior lendo e, por imitalo, colleu el tamén un libro. Cando se decatou xa era a mañá do día seguinte e desfrutara dunha noite chea de soños e de aventuras. Dende aquel día, todas as noites Caxoto collía un conto e poñíase a ler antes de durmir.
A entrada é de balde ata completar aforo.