Vilalba celebra un pleno extraordinario de trámites, moi criticado pola oposición

TerraChaXa
O Concello de Vilalba celebrou na xornada de onte un Pleno de carácter extraordinario para tratar dous trámites administrativos.
casa do concello de vilalba
19 Feb 2022

O Concello de Vilalba celebrou na xornada de onte un Pleno de carácter extraordinario para tratar dous trámites administrativos que consistiron na aprobación da conta xeral de 2020 e a inclusión dun complemento no expediente extraxudicial de crédito aprobado no pleno do 23 de decembro para abonar facturas por máis de 700.000 euros, al ter que incluír unha factura de 2016 dun servizo de Espina y Delfín.

A celebración deste pleno foi criticado pola oposición. A voceira do Grupo Municipal Popular de Vilalba, Sandra Vázquez, considera que “a convocatoria doutro pleno de carácter extraordinario no que vai de mandato demostra a falta de xestión, a improvisación e en definitiva o desgoberno do PSOE en Vilalba”.

Tendo en conta que “a conta xeral debería estar aprobada antes do 1 de outubro de 2021 e, polo tanto, xa vai con catro meses de atraso; o goberno local debería, polo menos, respectar o regulamento e convocar este pleno cun mínimo de dous días hábiles de antelación. É unha falta de cortesía e de respecto telo convocado con menos de 18 horas de antelación. Condenamos as malas formas do goberno local”, matiza a popular.

Os populares votaron a favor da aprobación da conta xeral que é “un documento técnico e contable, elaborado polos servizos xurídicos e económicos, que reflexa a situación económica do Concello. En definitiva, un traballo moi laborioso realizado polo persoal encargado nesta área, ao que lle agradecemos o seu esforzo. A diferencia doutros partidos o Partido Popular é  un partido de goberno, que coñece e recoñece a necesidade de aprobación da conta Xeral para que o Concello reciba as oportunas subvencións das diferentes administracións públicas, entre outras cuestións”, apuntou Vázquez.

Con todo, quixo deixar claro durante a sesión plenaria celebrada de xeito telemático que “o goberno local esquece día a día tres cuestións fundamentais. Gobernan en minoría e, ás veces, esquéceno e gobernan con prepotencia, incluso ante o seu socio de goberno que ten que saír ao seu auxilio porque ve claramente que van en caída libre”.

Tamén recordou a popular que “o goberno local do PSOE segue traballando cunhas contas elaboradas polo anterior goberno do Partido Popular ás que os socialistas se opuxeran no seu momento; pero non deberían ser tan malas cando van camiño de gobernar tres anos coa planificación feita polo PP”.

Así mesmo, Vázquez incidiu en que “os responsables xurídicos e económicos advirten en numerosos informes desfavorables sobre o seu proceder na contratación”.

A voceira popular sinalou, en canto ao recoñecemento extraxudicial de crédito incluído na orde do día deste pleno extraordinario, que “tal e como explicou a interventora se corresponde cunha factura traspapelada, pero que nada ten que ver coa responsabilidade do anterior goberno do PP como a alcaldesa quere facer ver. É lamentable esa actitude. O que lle pedimos son uns orzamentos que contemplen as necesidades deste ano 2022 e que o seu equipo de goberno se poña a traballar nun proxecto de futuro como merece Vilalba e os vilalbeses”.

0.35351300239563