Vilalba celebrará o 4 de abril unha nova edición da Ruta BTT Terra Chá Queixo San Simón con novidades

TerraChaXa
A proba contará este ano con catro modalidades adaptadas a diferentes niveis, incorporando a de gravel e renderá homenaxe a Juan Manuel Filgueiras Rama
presentacion-ruta-btt-terra-cha-queixo-san-simon
23 Mar 2026

O Concello de Vilalba acolleu hoxe a presentación da X Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón da Costa que se celebrará o vindeiro sábado 4 de abril, con saída ás 9:00 horas desde a Praza da Constitución.

No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; o deputado provincial da Área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o presidente do Club Ciclista Terra Chá, José Carreira Seoane; o alcalde do Concello de Muras, Manuel Requeijo Arnejo; e o alcalde do Concello de Xermade, Roberto García Pernas.

A proba contará este ano con catro modalidades adaptadas a diferentes niveis: ruta longa, 75 km e 2.000 metros de desnivel positivo; ruta media, 65 km e 1.700 metros de desnivel positivo; ruta curta, 45 km e 700 metros de desnivel positivo; e modalidade gravel, 70 km e 1.600 metros de desnivel positivo

Como en edicións anteriores, o percorrido partirá do casco urbano de Vilalba e discorrerá por diferentes espazos naturais do municipio, estendéndose tamén aos concellos de Muras e Xermade, poñendo en valor a riqueza paisaxística da comarca da Terra Chá.

Durante a presentación, a alcaldesa Marta Rouco destacou a importancia de acadar a décima edición desta proba. “Chegar a dez edicións non é casualidade, é o resultado dun traballo constante, dunha organización comprometida e dunha colaboración institucional que permite consolidar proxectos que funcionan e que teñen futuro”, sinalou.

Rouco puxo en valor tamén a capacidade da ruta para evolucionar e seguir medrando. “Esta proba non se limita a manterse, senón que segue avanzando, adaptándose ás novas tendencias do ciclismo e ofrecendo propostas que a fan cada vez máis atractiva e diversa”, indicou.

Nesta edición, a Ruta BTT terá tamén un carácter especial ao estar dedicada a Juan Manuel Filgueiras Rama, nunha homenaxe que se completará cunha iniciativa solidaria a través da venda de camisetas, cuxa recadación se destinará á loita contra o cancro.
Neste sentido, Rouco destacou o valor social da proba. “O deporte tamén é isto: compromiso, solidariedade e capacidade de unir á xente arredor dunha causa. Esta homenaxe e esta iniciativa solidaria engaden un valor aínda maior a unha proba que xa de por si é un referente”, sinalou.

A alcaldesa animou finalmente á participación e á asistencia ao evento. “Invitamos a todas as persoas a achegarse a Vilalba, a participar e a descubrir o noso territorio dunha maneira diferente, a través dunha proba que combina deporte, natureza e convivencia”, concluíu.

A X Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón da Costa consolídase así como unha das citas destacadas do calendario deportivo da comarca, combinando deporte, promoción do territorio e compromiso social.

0.11580181121826