Vilalba celebrou a primeira sesión do 2026 do Consello Local da Infancia e Adolescencia

O Concello de Vilalba celebrou onte a primeira sesión do ano 2026 do Consello Local da Infancia e Adolescencia, un órgano de participación que ten como obxectivo dar voz aos nenos, nenas e mozos do municipio na vida pública local.
A xornada desenvolveuse nun ambiente moi ameno e participativo, no que se abordaron cuestións de especial relevancia social como o acoso escolar, o racismo e a integración, promovendo unha reflexión conxunta sobre a necesidade de construír un concello máis respectuoso, inclusivo e xusto para todas as persoas.
Durante a sesión tamén se escoitaron as propostas e suxestións achegadas polos rapaces e rapazas, co fin de seguir mellorando Vilalba e "facela unha vila máis amable, accesible e pensada tamén para a infancia e a adolescencia", como dixo a alcaldesa. Desde o Concello destacouse tamén a importancia de ter en conta estas achegas, subliñando que "darlles voz aos máis novos non é só un compromiso institucional, senón unha responsabilidade colectiva".
O goberno local reafirma así "a súa vontade de continuar traballando para que as decisións municipais incorporen tamén a mirada e as necesidades da infancia e da adolescencia, fomentando a súa participación activa e responsable na sociedade".