Vilalba clausura a primeira quenda dos campamentos municipais de verán cunha alta participación

A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, asistiron este venres ao acto de peche da primeira quenda dos campamentos municipais organizados polo Concello. Unha actividade coa que a administración local busca facilitar a conciliación das familias durante o período estival e ofrecer alternativas de lecer educativo para os máis pequenos.
Nesta primeira fase participaron máis de 85 nenos e nenas que, ao longo de varios días, desfrutaron de xogos, obradoiros e actividades en contacto coa natureza, nun entorno seguro e acompañado por monitores especializados.
A rexedora destacou o valor dos campamentos como espazo de aprendizaxe e convivencia: “Máis aló da conciliación, os campamentos son tamén unha ferramenta coa que os nenos e nenas gozan do verán en convivencia, aprendendo e divertíndose na nosa contorna”, sinalou Marta Rouco.
A segunda quenda dará comezo a vindeira semana e contará coa participación de 42 nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. O Concello continúa así coa súa aposta por unha programación de verán que combina formación, lecer e apoio ás familias.