Vilalba completa a renovación do alumeado no polígono Sete Pontes con 123 novas luminarias LED

TerraChaXa
A actuación inclúe tamén o mostreo de 30 brazos e a adecuación dos cadros eléctricos, dentro da aposta municipal pola eficiencia enerxética no parque empresarial
VILALBA poligono leds
14 Nov 2025

O Concello de Vilalba vén de completar a renovación do alumeado público no polígono industrial Sete Pontes coa substitución de 123 luminarias por tecnoloxía LED, o mostreo de 30 brazos e a mellora dos cadros eléctricos da instalación. Segundo informa o goberno local, o obxectivo principal é reducir o consumo eléctrico e mellorar a calidade da iluminación nun dos principais motores económicos do municipio, onde se localizan arredor dun cento de empresas nunha superficie próxima aos 400.000 metros cadrados.

Esta intervención enmárcase na liña de actuacións que o Concello está a desenvolver nos últimos anos para modernizar o seu alumeado público, con múltiples proxectos de substitución de puntos de luz por luminarias LED tanto no casco urbano como nas parroquias, co fin de incrementar a eficiencia enerxética, reducir emisións e diminuír a contaminación lumínica. No caso concreto de Sete Pontes, a renovación do alumeado súmase ás recentes obras de reforzo do firme e mellora da sinalización en varias das súas rúas, actuais Castiñeiro, Acivro e Salgueiro, cun investimento municipal superior aos 165.000 euros.

Desde o goberno local destacan que a modernización do alumeado no polígono responde tanto a criterios de aforro e sostibilidade como á demanda do propio tecido empresarial, que leva anos reclamando melloras nas dotacións e servizos deste parque industrial. A previsión municipal é que a tecnoloxía LED permita unha redución significativa do gasto eléctrico asociado á iluminación exterior do polígono, mellorando ao mesmo tempo a seguridade viaria e a visibilidade en zonas de tránsito de vehículos pesados e persoal traballador.

⚙ Configurar cookies
0.070967197418213