Vilalba conmemora o mércores o Día da Muller rural cunha mesa aberta e unha exposición

TerraChaXa
Durante o encontro abordarase o papel da muller no rural galego e vilalbés, afondando nas circunstancias pasadas e presentes, así como nos retos de futuro
dia-da-muller-rural
10 Oct 2025

O Concello de Vilalba, a través da Concellería de Igualdade, da que é responsable a alcaldesa Marta Rouco, presenta a programación co gallo da conmemoración do 15 de outubro, Día Internacional da Muller Rural, unha data na que se recoñece o papel esencial das mulleres no desenvolvemento social, económico e cultural da vida rural.

A programación inclúe dúas accións principais: unha mesa aberta de diálogo e unha exposición fotográfica participativa.

A mesa aberta celebrarase o mércores 15 de outubro, ás 20:00 horas na Casa da Cultura, baixo o título Vilalba colleita igualdade, e reunirá a mulleres con diferentes traxectorias e experiencias ligadas ao rural, como Rosa Arcos, presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur); Lourdes Otero, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Insua; Lupe Prado, da Asociación Agarimo de Mulleres Rurais de Santaballa, e Amanda López, secretaria da Asociación de Produtores Agroecolóxicos A Estruga.

Durante o encontro abordarase o papel da muller no rural galego e vilalbés, afondando nas circunstancias pasadas e presentes, así como nos retos de futuro para avanzar cara á igualdade real neste ámbito.

“Queremos recoñecer e poñer en valor o traballo, o compromiso e a forza das mulleres que manteñen viva a nosa terra. Elas son parte esencial da nosa identidade e do noso futuro”, destacou a alcaldesa, Marta Rouco.

Ademais, o Concello impulsa a iniciativa “Muller Rural: Revela a súa forza”, unha exposición fotográfica colaborativa na que poderá participar toda a veciñanza enviando imaxes de mulleres do rural vilalbés. As fotografías deberán remitirse ao enderezo ax.igualdade@vilalba.es entre os días 13 e 17 de outubro, indicando o nome completo da persoa remitente e un título ou breve descrición da imaxe.

As fotografías seleccionadas formarán parte dunha mostra que se instalará a finais de mes na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal, e que servirá como homenaxe colectiva a todas as mulleres que, dende o seu esforzo diario, contribúen ao desenvolvemento do rural e á preservación da súa esencia.

“Con esta exposición queremos que sexan as propias veciñas e veciños quen amosen o valor das mulleres do noso rural, da súa relación coa terra e coa comunidade, dende a súa mirada máis próxima e real”, engadiu Rouco.

O Concello anima a toda a cidadanía a participar nesta iniciativa e a sumarse á conmemoración dunha data que reivindica igualdade, recoñecemento e futuro para as mulleres do rural.

INSTRUCIÓNS PARA PARTICIPAR

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poderán enviar as súas fotografías do 13 ao 17 de outubro ao enderezo electrónico ax.igualdade@vilalba.es, indicando no correo o nome completo da persoa que remite a imaxe e o título ou unha breve descrición da fotografía.

As imaxes recibidas formarán parte da exposición Muller Rural: Revela a súa forza, que se instalará na sala de exposicións do Auditorio Municipal a finais de mes. Co obxectivo de garantir a mellor calidade na mostra, recoméndase seguir as seguintes indicacións:

● Calidade: Enviar o ficheiro orixinal coa máxima resolución posible. Evitar imaxes descargadas de WhatsApp ou recortadas.
● Formato: preferiblemente JPG ou PNG.
● Orientación: aceptaranse fotografías tanto en horizontal como en vertical.
● Luz: Asegurarse de que a imaxe teña boa iluminación e non estea escura nin movida.

⚙ Configurar cookies
0.069695234298706