Vilalba consolídase como referente na loita olímpica con adestramentos internacionais

Parte da selección nacional Sub23 de Panamá e o loitador arxentino Agustín Destribats, unha das grandes sensacións actuais da loita americana, están a adestrar esta semana en Vilalba da man do Club de Loita local, convertendo a vila de novo nun foco de atención internacional neste deporte.
Non é a primeira vez que Vilalba acolle estrelas da loita mundial. Xa anteriormente, figuras como o campión mundial e bronce olímpico cubano Alexis Rodríguez, o vencedor da Copa do Mundo Sergey Priadun ou diversos loitadores rusos da rexión de Osetia estiveron a preparar tempadas xunto ao técnico José Cuba. Agora, o club local está no punto de mira dos principais equipos americanos que buscan complementar a súa preparación en Daguestán (Rusia), berce da loita a nivel global.
Este vínculo é posible grazas ao traballo de Catriel Pehuèn, veciño de Vilalba e impulsor dunha empresa de turismo de Alto Rendemento Deportivo especializada en organizar concentracións na meca da loita. Grazas a esta iniciativa, equipos nacionais do continente americano escollen Vilalba como parada técnica estratéxica para realizar probas físicas ou correccións técnico-tácticas antes de desprazarse a Rusia ou a competicións europeas.
A declaración como NADE (Núcleo de Adestramento de Deportistas de Elite) por parte da Secretaría Xeral para o Deporte permitiu dotar ás instalacións locais de medios humanos e técnicos que posibilitan unha atención máis individualizada a estes deportistas de alto nivel. Isto convértese nunha oportunidade única para os e as loitadoras locais, que poden medirse e adestrar con figuras internacionais, algo que ata o de agora só era posible nos centros oficiais de alto rendemento ou en clubs con maior capacidade.
Durante esta concentración, os deportistas vilalbeses tiveron ocasión de compartir tatami coa panameña Yusneiry Agrazal, tripla medallista panamericana; Jeanice Mejía, bronce nos Xogos Bolivarianos; Royglem Temple, bronce panamericano; e Wilfrido Samaniego, cuarto clasificado tamén neses xogos. A expedición complétase coa presenza destacada do arxentino Agustín Destribats, bronce mundial, campión panamericano e olímpico en Toquio 2024.
"O interese mostrado por máis equipos americanos e mesmo técnicos rusos por desprazarse a Vilalba a adestrar confirma o potencial da vila como enclave deportivo internacional. Por iso, a mellora das instalacións de adestramento adaptadas ás esixencias dun NADE será un obxectivo prioritario a curto prazo para continuar medrando nesta liña de éxito", explican desde o Club de Loita Vilalba.