Vilalba conta xa con nova sinalización no casco urbano
O Concello de Vilalba rematou a instalación dos novos paneis con sinalización informativa no casco urbano, co obxectivo de mellorar os servizos para os seus veciños e os visitantes que chegan ao municipio.
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, percorreron esta mañá as ubicacións onde se instalou a nova sinalización, moderna, adaptada ás necesidades actuais e que cumpre con todas as normativas europeas.
As sinais recollen 160 indicacións en 32 postes: 12 delas ao Parador; 18 aos diferentes espazos de aparcadoiro; 6 ao auditorio; 6 para indicar a saída do concello; 13 ao centro urbano; 13 á oficina de turismo, e 12 ao polígono industrial.
Hai instaladas outras 12 indicacións ao campo da Feira; 16 ao centro de saúde; 10 ao pavillón; 13 ás zonas escolares; 13 á Garda Civil; 2 para A Madalena; 8 á casa do Concello; 6 aos museos do municipio, e 4 á estación de autobuses.
“Un paso máis para mellorar os servizos municipais e as comunicacións no casco urbano, neste caso no casco cunha mellora na rede de sinalización que beneficiará tamén ás persoas que veñen a Vilalba por traballo ou turismo”, explica Elba Veleiro.
Falta aínda a instalación dalgunha sinal de reforzo e modificaranse un par delas, que o concello devolverá a fábrica por algún erro puntual.
A nova sinalización coa que o goberno local dá cumprimento ao seu compromiso por mellorar as conexións forma parte dunha renovación e humanización integral do casco urbano, con infraestruturas e zonas novas, obras que facilitan a accesibilidade nalgúns puntos da vila, arte nas rúas a través do muralismo, espazos verdes e a mellora na iluminación, así como a instalación de novos sinais indicativos nalgúns pasos de peóns como medida de seguridade.