Vilalba continúa co seu plan de renovación do alumeado dos espazos públicos
O Concello de Vilalba continúa co seu plan de renovación do alumeado municipal, posto en marcha hai dous anos para incrementar a eficiencia enerxética en toda a vila, rebaixando a contaminación lumínica e aumentando o aforro grazas á tecnoloxía LED.
Esta renovación integral ten tres obxectivos principais. O primeiro deles é a renovación do alumeado nas parroquias do municipio, pasando a luminarias LED, mellorando así a calidade lumínica e reducindo o consumo.
Neste caso, estanse a substituir a totalidade das luminarias en varios lotes, comezando polas parroquias de Codesido, Tardad, Distriz, Gondaisque, Boizán, Mourence e Santaballa.
Ademáis, ante calquera tipo de fallo no alumeado, substitúese por este novo tipo de luminaria. Hai renovados xa un total de 1.300 puntos de luz e implementarase o seguinte lote das parroquias nas vindeiras datas.
“Este cambio a LED supón un aforro do 50% con respecto á anterior iluminación, o que supón máis de 35.000 euros ao ano, gañando en calidade lumínica, cunha aposta decidida polo respecto ao medioambiente e a eficiencia enerxética”, explica Rodrigo Pavón, tenente de alcalde e concelleiro de Servizos e Espazos Cidadáns de Vilalba.
“Ademáis, levamos instalados un total de 10 farolas solares, en lugares onde se carecía de cableado, cun custo mínimo para o concello e que supón un consumo cero”, afirma.
En palabras de Pavón, “a racionalización do alumeado público é unha das tarefas que se están a acometer, non é normal que teñamos vivendas sen iluminación pública no noso rural e outros puntos iluminen zonas sen vivendas”.
O segundo obxectivo é o da iluminación das entradas da vila, cos mesmos criterios de eficiencia enerxética e de seguridade dos peóns. Así, se estableceron novos puntos de alumeado LED na entrada dende a A8, por Mourence, nos barrios de Escairo e Magdalena.
Nas vindeiras datas realizarase a renovación do alumeado na entrada pola rúa Plácido Peña, mediante financiación da Deputación de Lugo, e Campo de Puente mediante a financiación do IDAE, así coma a renovación da iluminación na entrada dende o barrio do Ventorro.
“É fundamental contar cunha iluminación que garanta a seguridade dos peóns e que indique ós vehículos a entrada á vila, axeitándose á nova normativa de velocidade 30km/h que acometemos e que xa conta coa sinalización pertinente”, engade Pavón, que destaca “a importancia da colaboración do resto de institucións como é a Deputación de Lugo e o Goberno de España”.
O terceiro obxectivo é o da iluminación dos espazos públicos e as edificacións, exemplo dos cales son a iluminación do entorno da alameda Basanta Olano, o aparcadoiro subterráneo, o templete da música, a Rúa Porta de Cima ou a nova iluminación da Praza Coronel Pena.
Tamén procedeuse á iluminación da Capela de Guadalupe, que se inaugurará no día de hoxe, venres 7 de maio, da Capela de San Roque, que se iluminará nos vindeiros días, ou a previsión de acometer as actuacións necesarias para a posta en valor dun edificio histórico como é a Casa da Cultura.
“Con todas estas actuacións que xiran arredor da eficiencia enerxética, a mellora na calidade lumínica, unha menor contaminación e a seguridade cidadá, queremos ademáis dotar a Vilalba de espazos máis atractivos e que potencien o noso patrimonio”, rematou Rodrigo Pavón.