Vilalba dedicará un mural ao escritor Agustín Fernández Paz
O próximo mural que se colocará no municipio vilalbés estará dedicado ao escritor Agustín Fernández Paz. De momento, o goberno local está a buscar ubicacións para esta obra, que será realizada polo artista ourensán Mon Devane.
Este novo mural súmase aos tres que xa embelecen o casco urbano de Vilalba, na rúa Carmiña Prieto Rouco, de Pablo Lage (Van-Kraft); na rúa do Cotarón, de Miguel Peralta (Cestola na Cachola); e na travesía dos Castros, de Lula Goce.
“Dende o goberno local impulsamos estes murais para contribuír á humanización do municipio, apostando pola arte urbana e ademais, neste novo mural, enxalzando a figura dun dos escritores de referencia das nosas letras”, subliña Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.
O traballo artístico de Mon Devane baséase na utilización do spray como principal ferramenta. O seu percorrido inclúe un gran número de eventos e festivais de arte urbana en todo o mundo.
O escritor vilalbés, Agustín Fernández Paz, é unha das referencias da literatura galega, sobre todo, das obras para público infantil e xuvenil. Dende o goberno local apóstase por preservar o seu legado apoiando iniciativas como o premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil, impulsado polo IESCHA e Edicións Xerais, á que agora se suma este mural.
Ademais, o goberno local está a traballar sobre distintas iniciativas e propostas arredor da figura de Fernández Paz, que se anunciarán nos próximos meses.