Vilalba destina 630.000 euros do Plan Único a melloras no rural
O Concello de Vilalba xa ten decididas as obras e proxectos incluídos nas partidas do Plan Único 2021 da Deputación da Lugo, con 630.000 euros en actuacións para mellorar as infraestruturas do municipio e un importante investimento nas parroquias e as zonas rurais, gasto social e un programa de fomento do emprego.
En concreto, as partidas do Plan Único suporán un investimento conxunto de 271.230,33 euros para obras de reforma e renovación do pavimento en viais de Oleiros (48.387,36 euros), Belesar (68.971,12 euros), Uceira (48.369,53 euros) e Corvelle/Samarugo (57.102,34 euros). Outra actuación, de 48.399,98 euros, servirá para poñer en marcha unha nova zona biosaudable de lecer e xogos na praza da Constitución.
No eido social, haberá 180.000 euros para mellorar e reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), mentres que 176.809,26 euros irán destinados a un programa de fomento do emprego que permitirá a contratación de dous peóns de obras, un xardineiro, un electricista, un administrativo, un técnico de medio ambiente e outro de turismo.
“Este ano, o Plan Único irá destinado básicamente a renovar as infraestruturas de comunicación do rural, un dos obxectivos do noso grupo de goberno para mellorar a vida dos veciños e veciñas das parroquias, así como para reforzar o gasto social e o fomento do emprego, algo moi necesario nestes tempos de pandemia”, explica Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.
Un dos proxectos permitirá a rexeneración integral do vial municipal que comunica a zona sur da parroquia de Samarugo coa estrada provincial LU-P-6505, na parroquia de Corvelle. Ten un percorrido lonxitudinal de 3.155 metros e un ancho medio de 3,80 metros.
Tamén haberá traballos no vial municipal que atravesa en dirección norte as parroquias de Sancobade e Goiriz, incluído o barrio de A Uceira, dende a estrada LU-120. Esta vía é o percorrido natural da veciñanza destes núcleos de poboación, en dirección ás principais vías de comunicación cara o centro urbán de Vilalba.
En Belesar, as obras realizaranse na vía de titularidade municipal que comeza na estrada provincial LU-P-6511, no núcleo de Aldea, e que discorre en dirección sureste pola parroquia ata o núcleo de Outeiro, onde continúa ata a igrexa de Belesar, na que finaliza a actuación prevista polo Concello.
En Oleiros, a actuación inclúe é a limpeza de noiros, rexeneración e sinalización da vía de titularidade municipal 065-010, entre a estrada provincial LU-P-6510 e o límite municipal.
Por último, Concello de Vilalba fará obras para a creación dun novo espazo de xogos infantís e biosaudables, co obxectivo de humanizar os parterres existentes na parte oeste da praza da Constitución.
Esta actuación completará o parque infantil existente na praza, recentemente reformado polo goberno local. A intención do concello é a creación dun gran espazo de lecer na principal praza do municipio, con xogos infantís adaptados a todas as idades e aparatos adaptados ao coidado da saúde e da mobilidade das persoas adultas.
“Os proxectos do Plan Único son tamén fundamentais para reactivar a economía local despois destes meses tan duros pola pandemia do coronavirus”, engade a alcaldesa de Vilalba.