Vilalba destina a gasto social un de cada tres euros do seu orzamento

TerraChaXa
A principal partida é para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ao que o concello destina este ano 3,4 millóns de euros
cartos-impostos-billetes-pago-comercio
14 May 2025

O Concello de Vilalba destina a gasto social un de cada tres euros do seu orzamento municipal, que este ano é de 13,4 millóns de euros.

“A principal partida é para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ao que o concello destina este ano 3,4 millóns de euros. Conta neste momento con 140 traballadores e atende a máis de 310 veciños e veciñas de Vilalba (14.700 horas mensuais)”, lembra a alcaldesa, Marta Rouco.

Dentro das políticas sociais, a inserción dos colectivos en situación de vulnerabilidade e a atención a posibles trastornos do desenvolvemento dos nenos e nenas de 0 a 6 anos son tamén dúas prioridades.
A Unidade de Atención Temperá, compartida cos concellos de Guitiriz e Xermade, conta cun equipo interdisciplinar formado por profesionais en logopedia, terapia ocupacional e fisioterapia. Atende a 30 nenos e nenas de 0 a 6 anos.

"O Centro Ocupacional de Vilalba realiza un gran traballo inclusivo e pola igualdade coas diferentes iniciativas formativas de carpintería, serigrafía ou xardinería, coas que realizan encargos de institucións e entidades de todo tipo”, explica a alcaldesa.

Este centro, ao que o concello aporta 75.000 euros anuais, combina estas accións con outras actividades físicas e lúdicas.

Por outra parte, o Centro de Atención á Muller (CIM) atende cada ano máis de 1.000 consultas de todo tipo.

⚙ Configurar cookies
0.17545819282532