Vilalba di adeus esta fin de semana ás festas logo de 17 días

TerraChaXa
O Día da Parroquia porá o peche a celebración o domingo
festas-vilalba-dia-infantil-inchables1
6 Sep 2024

Vilalba despide esta fin de semana as súas festas na honra a San Ramón e Santa María, que deron comezo o pasado 21 de agosto organizada de novo, despois de varios anos a cargo do Concello, por unha comisión.

O programa xa deixou atrás varios concertos, e as tradicións festivas como o Día da Bicicleta, a Xira, o Día Infantil, que foi dobre, ou a entrega do premio do Certame Literario, que este ano chegou ao medio século de vida.

Hoxe o programa recolle unha sesión dedicada aos grupos de música tradicional de Vilalba, con pasarrúas a partir das 20.00 horas, que finalizarán cunha foliada na praza de Santa María, ás 21.30. Actuarán tamén Cántigas e Frores e Os Tres Pesos.

Tamén será hoxe a presentación do foto-libro Lumes, de Adra Pallón, unha actividade organizada polo Iescha no Auditorio.

Quedan, polo tanto dous días de festa. O sábado pola mañá, ás 12.30 horas, volverán os pasacalles a cargo do grupo tradicional Buxos Verdes. Así mesmo dará comezo o Torneo de Rugby 3x3 Santa María, que chega á súa terceira edición, e despois será a sesión vermú amenizada pola orquestra Fuego na praza da Constitución.

Pola tarde, ás 20.00 horas celebrarase no auditorio o Festival de Bandas Pepe Guntín, que está organizado pola Banda de Música de Vilalba e a de Padrón. Xa pola noite, a sesión musical será a cargo das orquestras Fuego e Claxxon.

O derradeiro día festivo, o domingo 8 de setembro, será o Día da Parroquia, que este ano está dedicado a Oleiros. Esta cita contará con pasacalles a cargo do grupo tradicional Cerna de Árbol, da Charanga de Vilalba, e acto seguido farase unha sesión matinal prolongada amenizada pola orquestra Travesía e o dúo Estrellas.

0.17148494720459