Vilalba entrega os premios do Reto Lector 2025 e celebra a lectura en familia na biblioteca

TerraChaXa
A xornada completouse cunha actividade lúdica e cultural na biblioteca, onde máis de 30 familias gozaron do espectáculo de Pepablo Patinho e Montse Piñón
premio-infantil-reto-lector-vilalba
30 Jan 2026

O Concello de Vilalba celebrou a entrega dos premios do Reto Lector 2025 nun acto no que participaron a alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Educación, Paula Vigo. O recoñecemento foi para as persoas e entidades que completaron con éxito o desafío lector ao longo do ano, fomentando así o hábito da lectura entre veciños e veciñas de todas as idades.

No sorteo realizado entre todas as persoas participantes, o premio na categoría infantil recaeu en Samuel Rojo Cabarcos, mentres que na categoría de persoas adultas a gañadora foi Paula Prado Gesto. Na modalidade de entidades, o galardón foi para a aula de educación especial do CEIP Insua Bermúdez, polo seu compromiso coa lectura inclusiva.

A xornada completouse cunha actividade lúdica e cultural na biblioteca municipal, onde máis de 30 familias gozaron do espectáculo protagonizado por Pepablo Patinho e Montse Piñón, convertendo a tarde nun espazo de encontro arredor dos libros e da creatividade.

Desde o Concello agradeceron a participación de todas as persoas implicadas nesta edición do Reto Lector e animaron á cidadanía a seguir formando parte desta iniciativa, lembrando que xa está aberto o prazo para sumarse ao Reto Lector 2026.

⚙ Configurar cookies
0.089334011077881