Vilalba estrea novos espazos de pediatría máis humanizados no centro de saúde

A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos presentou os novos espazos humanizados da área de Pediatría do centro de saúde de Vilalba, unha actuación orientada a mellorar a experiencia asistencial dos nenos e nenas, das súas familias e dos profesionais sanitarios a través da transformación artística, pedagóxica e funcional dos espazos.
Esta iniciativa enmárcase na aposta do sistema sanitario público pola humanización da atención, especialmente no ámbito pediátrico, onde o entorno físico e emocional resulta determinante para reducir a ansiedade asociada ás consultas médicas e favorecer un clima máis tranquilo, seguro e acolledor para a infancia.
A intervención levada a cabo no centro de saúde vilalbés tivo como obxectivo a renovación integral dos distintos espazos do Servizo de Pediatría, incluíndo a sala de espera, as consultas médicas e de enfermaría e a sala de lactación. A actuación consistiu nunha intervención artística deseñada especificamente para este centro, que rompe cos estereotipos tradicionais dos espazos sanitarios infantís e lles dota dunha identidade visual e emocional propia. Trátase dunha mellora concibida non só desde o punto de vista estético, senón tamén como unha ferramenta de apoio aos procesos asistenciais centrados nas persoas.
O proxecto desenvolveuse ao abeiro dun acordo de colaboración público-social entre a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e a Fundación Paideia Galiza, coa implicación directa da xerencia e do equipo do centro de saúde de Vilalba. A iniciativa contou tamén coa colaboración da Universidade de Vigo e de profesionais especializados nos ámbitos do deseño, da arte e da pedagoxía.
O financiamento da actuación correu a cargo da Fundación Paideia Galiza, entidade comprometida coa mellora da atención á infancia, mentres que a Asociación Socioeducativa e Cultural Paspallás, impulsora da intervención, asumiu o deseño e a execución dos traballos, achegando os recursos técnicos, humanos e organizativos necesarios. Pola súa banda, a área sanitaria encargouse da coordinación, da dirección técnica e da supervisión do proxecto, garantindo en todo momento o cumprimento das condicións de seguridade, hixiene e salubridade propias dun entorno sanitario.
A iniciativa desenvolveuse en distintas fases, que incluíron unha diagnose inicial das necesidades, o deseño da intervención, a execución dos traballos e unha avaliación final co obxectivo de analizar o impacto da actuación e recoller a percepción das persoas usuarias. Todo iso cun propósito claro: crear un entorno máis humano, organizado e acolledor que favoreza o benestar emocional e mellore o funcionamento diario do Servizo de Pediatría.
Entre as melloras introducidas destacan a reorganización dos espazos, unha sinalización máis clara, a incorporación de xogos didácticos e colaborativos adaptados a distintas idades, o uso de materiais cálidos como a madeira e unha estética inspirada na natureza, pensada para evitar a sobreestimulación e promover a calma.
Os resultados da avaliación realizada tras a posta en marcha do proxecto confirman o seu impacto positivo. O cen por cento dos profesionais participantes considera que o novo entorno mellora a organización, o confort e o clima emocional do servizo. As familias amosan tamén unha elevada satisfacción, sinalando que a espera resulta máis tranquila e que os menores acoden ás consultas con maior serenidade. Pola súa banda, os propios nenos e nenas manifestan sentirse cómodos e seguros nos espazos transformados.
Estímase que esta actuación beneficiou xa a máis de 1.500 persoas usuarias, entre pacientes pediátricos e acompañantes. Desde a xerencia destácase ademais a eficiencia no uso dos recursos, a boa aceptación e o coidado dos materiais, así como o potencial do proxecto como modelo transferible a outros centros de saúde.
O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, subliñou que “este proxecto reforza o compromiso cunha atención sanitaria centrada nas persoas e confirma que a humanización dos espazos infantís contribúe de maneira directa á mellora da calidade asistencial e ao benestar emocional dos pacientes”. Ademais, indicou que esta experiencia constitúe un punto de partida para seguir avanzando na transformación dos espazos pediátricos, a partir dun modelo “que pode servir de referencia para outros centros de saúde e hospitais, na medida en que a humanización da atención pediátrica repercute positivamente na confianza das familias e no benestar colectivo”.