Vilalba estreará a próxima semana Feira do Libro

TerraChaXa
O evento celebrarase na Praza da Constitución e contará coa participación das librarías Andel, Pergamino, Paperix e Carlín de Vilalba.
Presentacion feira do libro vilalba
3 Xuño 2021

O evento celebrarase na Praza da Constitución e contará coa participación das librarías Andel, Pergamino, Paperix e Carlín de Vilalba, xunto con Trama de Lugo e un posto para o Instituto de Estudos Chairegos.

Vilalba terá a súa primeira Feira do Libro os vindeiros 11 e 12 de xuño, en formato reducido e adaptada á situación sanitaria. Así o veñen de anunciar desde as concellerías de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Cultura do Concello de Vilalba.

Participarán da mesma as librarías locais Andel, Pergamino, Paperix e Carlín, así como Trama de Lugo, especializados en literatura infantil, xuvenil e novela negra, que farán un desconto do 5%. Ademais, o Instituto de Estudos Chairegos, promulgadores de distintas obras publicadas por autores e autoras da comarca, tamén terán un posto dentro da feira. 

Nesta mesma aposta por poñer en valor o local, sucederanse unha serie de sinaturas de libros distribuídas nos dous días de feira, a meirande parte de autores e autoras vilalbesas, como a historiadora e xestora cultural Miriam Fernández, da Asociación de Mulleres de Insua, a filóloga e escritora Cecilia F. Santomé, a tradutora Antía Veres, ou o ilustrador Eduardo Baamonde. Tamén estarán presentes Xosé Miguel Barrera, XLV Premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba, e Antía Yáñez, III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa Infantil e Xuvenil pola igualdade, organizado polo IESCHA, o Concello de Vilalba e a editorial Xerais.

A música e a normalización lingüística da primeira infancia tamén acompañará esta cita literaria. O venres 11 de xuño terá lugar a “Festa das primeiras letras”, unha proposta que se enmarca dentro da Feira do Libro para promover a socialización en galego de nenas e nenos de 0 a 6 anos. Así, haberá un obradoiro de arrolos da man de Mamá Cabra, narración oral con Bichocas, de Xarope tulú, e un espectáculo musical nomeado Catuxo, de Magín blanco.

No que atinxe ao sábado 12 de xuño, haberá obradoiros para pequenos/as cada media hora no posto habilitado na propia praza, de 11 a 14h e de 17 a 20h. A asociación cultural Entre Lusco e Fusco ambientará a feira con música tradicional a partir das 12 horas, e unha pequena representación da Banda de Música de Vilalba realizará un concerto ás 13 horas.

O alumnado da Biblioteca Agustín Fernández Paz, do Instituto de secundaria Santiago Basanta Silva de Vilalba fará unha lectura de textos na tarde do 12 de xuño, e finalizarase a feira cun sorteo de dous lotes de libros infantís e xuvenís e outros dous xenéricos entre todas as persoas que adquiran libros ao longo destes dous días,  poñendo o colofón final co concerto musical de Migallas, “merenda con pan de millo”.

As concelleiras Antía Rama e Vanesa Siso quixeron agradecer a boa disposición de librarías, autores e autoras e grupos e colectivos locais para poñer en marcha esta feira despois dun ano moi complicado.

“Pensamos que é unha boa forma de contribuír á normalización e recuperación de sectores moi afectados pola crise económica e sanitaria, neste caso co sector do comercio do libro, sacando parte da súa mercancía á rúa e facendo un desconto para fomentar a compra”, explicou Rama.

“Apostamos polo recoñecemento, apoio e posta en valor das nosas librarías, do traballo literario de persoas con raíces vilalbesas, ou ben premiadas nalgún dos certames impulsados polo Concello xunto con outras entidades, e tamén dos grupos e colectivos locais que dun xeito ou outro manteñen vida a cultura do pobo”, afirmou Siso.

A concelleira de Infancia e Mocidade tamén aseverou que “neste primeiro ano organizamos unha feira reducida por mor da situación sanitaria, que agardemos sexa o primeiro chanzo dunha cita con arelas de crecemento ano tras ano, vencellada nesta primeira edición a todos os tipos de literatura, pero especialmente á infantil e xuvenil”.

Pola súa banda, a edil de Cultura manifestou “a importancia de desenvolver unha oferta cultural e de lecer de calidade, pensando nas próximas xeracións e situando a cultura como un dereito fundamental, con iniciativas que normalicen e apoian a nosa lingua e identidade propia desde idades temperás”.

Ámbalas dúas animan a toda a veciñanza a achegarse á feira para desfrutar de todas as actividades e descubrir mundos novos a través dos libros, respectando sempre todas as medidas de seguridade.

feira do libro vilalba cartel
0.17345786094666