Vilalba fará unha obra na ETAP para solucionar os problemas de turbidez da auga

TerraChaXa
Consistirán na instalación de decantadores lamelares e filtros
fin-obras-edar-vilalba-chms
30 Out 2024

O Concello de Vilalba celebra pleno ordinario este xoves no que o equipo de Goberno propón a aprobación dunhas obras na ETAP que servirán para solucionar os episodios de turbidez na auga que se producen no casco urbano en determinados momentos do ano.

Estes traballos, para a instalación de decantadores lamelares e filtros na estación de tratamento de auga potable de San Simón e Cañotas, “están incluídos no convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Vilalba, dando resposta ademais a unha demanda veciñal”, explica a alcaldesa, Marta Rouco.

Unha vez adxudicadas as obras, o prazo de execución será de tres meses.

“Todo o que ten que ver co ciclo da auga é prioritario para o goberno local de Vilalba, de aí a importancia do convenio de que xestionamos coa CHMS, que posibilita diferentes obras de mellora no abastecemento e o saneamento”, engade.

A principios de ano remataron as obras de mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Vilalba, tras un investimento de 1,7 millóns de euros. O obxectivo da actuación era limitar as verteduras sen tratamento adecuado ao río Madalena, para o que se acometeron dúas actuacións: a ampliación do pretratamento da EDAR e a construción dun tanque de tormentas.

“Agora chega a quenda das ETAP de San Simón e As Cañotas, despois de varias reunións coa Confederación Hidrográfica para xestionar e planificar os novos pasos do convenio entre as dúas entidades”, sostén Marta Rouco.

Pistas no rural

Por outra parte, o pleno debatirá tamén unha proposta de modificativo de crédito para a renovación de tres pistas nas parroquias de Nete e Oleiros.

Unha delas, en Nete, é o acceso a Bouza e Lourixe; en Oleiros, o vial que vai do barrio de Agadín (límite co Abeledo) ata o barrio da Granda, desembocando na estrada da Deputación recentemente renovada que conecta coa Feira do Monte, e tamén a pista que vai da estrada da Deputación, ao seu paso por Oleiros, pasando polos barrios de Vilariz e Carboeiro ata o límite con Cospeito.

0.19334816932678