Vilalba habilita seis novas zonas de estacionamento para carga e descarga

TerraChaXa
As novas prazas están na avenida Terra Chá, nas rúas Campo de Puente, Plácido Peña, Galicia (2) e praza da Constitución
carga-e-descarga-vilalba
Renda e Fernández nunha das prazas de carga e descarga de nova creación
23 Maio 2024

O tenente de alcalde e responsable de mobilidade Modesto Renda e a concelleira de Comercio María Xosé Fernández anunciaron a habilitación de seis novas zonas de estacionamento de carga e descarga no centro urbano de Vilalba.

Esta medida, que tal e como explicaron, busca "dar resposta ás necesidades e ás demandas dos establecementos comerciais que, dende o mesmo inicio da lexislatura, foron trasladadas ó Concello".

Así, as novas prazas sinalizáronse na avenida Terra Chá, nas rúas Campo de Puente, Plácido Peña, Galicia (2) e praza da Constitución.

Esta elección fíxose en base a unha análise de campo e, "como non podería ser doutro xeito", coa colaboración dos axentes da Policía Local.

Ademais, dende o Concello procedeuse a dar solución permanente ás discrepancias en relación cos horarios, mediante a unificación de todos os estacionamentos de carga e descarga, en base ao criterio habitual. Os laborables será de 09:00 a 12:00 e de 17:00 a 19:00 horas, agás os vehículos auytorizados, que teñen un máximo de tempo de 30 minutos. Os sábado laborables o horario é de 9:00 a 12:00.

Como única excepción no tocante á necesaria unificación, fixouse o da Praza da Constitución xa que, ao ser unha zona de lecer para nenos/as, eliminouse a opción de carga e descarga pola tarde, sinalizándose de 9:00 a 12:00 laborables e sábados.

En palabras de Renda a decisión sobre as seis situacións tomouse “logo de estudar e analizar os aspectos e particularidades das varias solicitudes recibidas co obxectivo de lograr a maior eficiencia e utilidade da actuación”.

0.094721078872681