Vilalba habilita seis prazas de estacionamento para clientes das farmacias

A concellería de Infraestruturas Urbanas de Vilalba vén de por en funcionamento unha nova proposta relativa ao estacionamento: o pintado de 6 prazas de aparcamento reservadas para os clientes das farmacias do casco urbano vilalbés.
Dende a xornada de onte “cada unha das farmacias do casco urbano conta nas súas inmediacións cunha praza de estacionamento reservada para os seus clientes, que poderán estar aparcados durante un período de 15 minutos”, explicou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas de Vilalba, Luis Fernández.
Unha iniciativa coa que o goberno local busca “facilitar a vida dos veciños e veciñas, permitindo que poidan recoller con facilidade os seus medicamentos na farmacia; ao tempo que damos resposta a unha demanda moi solicitada tanto polos clientes como polas propias farmacias”, subliñou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
En canto á limitación do estacionamento, esta será de 15 minutos durante o horario de apertura da farmacia ou cando se atope en servizo de garda. Na franxa horaria restante a praza poderá empregarse sen ningún tipo de restrición, “o funcionamento é semellante ao de un carga e descarga pero neste caso reservado para a recollida de medicamentos nas farmacias”.
As prazas, que xa están pintadas e que estarán acompañadas da correspondente sinal vertical coa explicación do seu funcionamento, localízanse dúas delas na avenida da Terra Chá, unha na rúa da Emigración, unha na rúa Plácido Peña, unha na rúa da Pravia e outra na rúa de Galicia.