Vilalba homenaxea ao músico Santiago Mato Vizoso cun acto especial no Auditorio Municipal

O sábado 22 de febreiro, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal de Vilalba acollerá o acto de homenaxe a Santiago Mato Vizoso, ilustre músico vilalbés. O evento está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) en colaboración co Concello de Vilalba, a Banda de Música de Vilalba, a Escola Municipal de Teatro, a Coral Polifónica Vilalbesa e a Banda de Gaitas Mato Vizoso.
O acto incluirá momentos destacados como a descuberta da placa co nome de Santiago Mato Vizoso no Conservatorio de Vilalba e a cesión ao pobo vilalbés do piano do músico, doado pola súa bisneta, Pepa Baamonde, que será colocado no vestíbulo do Auditorio. Ademais, Xosé Ramón Vázquez Carreira realizará unha intervención sobre a figura de Mato Vizoso e proxectarase un vídeo homenaxe titulado A tradición musical en Vilalba.
A homenaxe culminará cun concerto especial no que participarán a Banda de Música de Vilalba, a Coral Polifónica Vilalbesa e a Banda de Gaitas Mato Vizoso, interpretando pezas que reflicten a rica herdanza musical da vila.
Consulta o programa neste enlace.
Un referente da música en Vilalba
Santiago Mato Vizoso (1854-1925) foi un músico e reloxeiro vilalbés que, xunto co seu irmán Manuel, compuxo obras teatrais e corais en galego a finais do século XIX e comezos do XX. A súa paixón pola música levouno a exercer diversas funcións no ámbito musical, como a recollida de pezas populares, a composición, a interpretación de piano, harmonio e órgano, así como a dirección de orfeóns, coros, orquestras e da Banda Municipal de Vilalba.
A súa figura foi clave para o desenvolvemento da tradición musical vilalbesa, converténdose nun referente e dinamizador cultural da súa época.
A entrada ao evento será de balde, con reserva de localidades dispoñible neste enlace.