Vilalba implantará un sistema de recollida de plásticos agrícolas granxa a granxa

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, vén de anunciar a posta en marcha dun novo sistema de recollida de plásticos agrícolas que entrará en funcionamento no 2026 e que suporá un cambio significativo no servizo que reciben as explotacións gandeiras do municipio.
A recollida pasará a realizarse directamente granxa a granxa, garantindo unha maior comodidade para os titulares das explotacións e unha mellora substancial nas condicións de limpeza e salubridade da vía pública.
A rexedora vilalbesa, Marta Rouco, destacou que “este novo modelo permitirá ofrecer un servizo máis moderno, eficiente e adaptado á realidade do rural, evitando desprazamentos innecesarios para os gandeiros e eliminando os problemas xerados polos antigos puntos de depósito, que nalgúns casos chegaron a converterse en vertedoiros incontrolados”.
Engadiu ademais que “o obxectivo é facilitar a vida aos veciños e veciñas, manter os espazos públicos en bo estado e avanzar cara a unha xestión dos residuos máis responsable e acorde cos tempos actuais”.
O novo servizo funcionará dúas veces ao ano, coincidindo coa última semana de maio e a última semana de outubro. Para que a empresa concesionaria pase pola explotación, só será necesario realizar unha chamada previa ao teléfono dispoñible para tal fin: 653 940 988, a partir do día 1 do mes correspondente. A empresa encargada da recollida organizará as rutas e acudirá ás granxas para retirar os plásticos preparados polos titulares.
Este novo sistema permitirá, ademais, clausurar os puntos de recollida actuais, que nalgunhas parroquias acumulaban todo tipo de residuos alleos aos plásticos agrícolas, xenerando problemas de limpeza e afectando á imaxe do rural vilalbés.
O Concello de Vilalba tamén lembra que os residuos voluminosos nunca deben deixarse nos antigos puntos de recollida de plásticos. Poden depositarse directamente no punto limpo municipal ou solicitar a recollida no domicilio chamando ao 671.606.099. Este servizo realízase todos os venres previa solicitude telefónica ou vía WhatsApp.
O Concello de Vilalba agradece a comprensión e colaboración dos seus veciños e veciñas ante este cambio, pensado para ofrecer un servizo máis cómodo, limpo e eficaz para todas as explotacións do municipio.