O comercios e a mocidade vilalbesa amosan o seu rexeitamento á violencia de xénero
Con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero que se conmemora cada 25 de novembro, o Concello de Vilalba organiza varios actos como sinal de repulsa contra a súa práctica uníndose á campaña "Concellos en Negro" e promovendo inciativas que involucren aos máis novos na loita contra a violencia machista.
Así, boa parte dos establecementos comerciais de Vilalba lucirán carteis e decoracións de cor negra entre o xoves 23 e o domingo 26 ao participar na campaña "Vilalba en Negro" para a que a concelleira de Servizos Sociais, Benestar, Emprego e Igualdade, María Flor Rey pide tamén a colaboración dos veciños e veciñas colocando nas súas ventás un pano negro para amosar a súa repulsa contra a violencia de xénero. De feito, "distribuiremos panos negros co lema VILALBA EN NEGRO, para que a xente poida colocalos nas súas ventás". Haberá dous puntos de recollida de material: na Casa da Cultura e na oficina do Centro de Información ás Mulleres no Concello para o público en xeral e neste último punto para os establecementos comerciais e a hostalería.
Os establecementos que participaron o ano pasado poden pasar a recoller o material para os seus negocios a partir do luns 20 de novembro nas oficinas do CIM no Concello. Aqueles establecementos que non participaron o ano pasado e queiran unirse á campaña poden enviar un correo electrónico a vilalbaennegro@gmail.com cos datos do negocio, empresa, asociación...
A concelleira explicaba durante a presentación da campaña "Vilalba en Negro contra a violencia de xénero" que os seus obxectivo son os de "fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas; implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas e identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que estan detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais".
Pola súa banda, o alcalde de Vilalba fai unha chamada ao esforzo conxunto de toda a sociedade para transmitir unha mensaxe unívoca de todos unidos contra a violencia de xénero. "En lugar de xuízos de valor sobre cada campaña en función de quen a organice o que hai que facer é coller o positivo de cada unha delas para crear unha conciencia colectiva de loita contra a violencia de xénero, sen fisuras, coa idea de que ningunha campaña por si soa vai a resolver o problema, pero todos unidos podemos avanzar e moito na loita contra esta lacra social".
Con todo, recoñecen dende o Concello que os retos pasan por "traballar conxuntamente cara ao mesmo obxectivo sen perder a identidade local, acadar un pacto social municipal contra as violencias machistas, con independencia da cor política de cada corporación e cubrir de negro Vilalba do 23 ao 26 de novembro".
Actividades
As actividades previstas en Vilalba en conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero comezan o venres 24 de novembro, ás doce e media do mediodía, coa lectura diante da Casa do Concello cun manifesto da man dunha muller pertencente a unha das sete asociacións de mulleres do municipio contra a violencia machista coincidindo coa lectura doutros 75 noutros tantos concellos participantes na campaña EN NEGRO CONTRA A VIOLENCIA.
Tamén para o venres 24 está previsto no auditorio de Vilalba un acto musical a partir das oito e media con entrada gratuíta grazas á participación de rapaces e rapazas de Vilalba que expresarán os seu rexeitamento á violencia contra as mulleres a través de distintos estilos musicais: Ari, Noa, Anxo, Lois, Montero e Trastoy -do IES Basanta Silva-, Kryme, Akavaro e Poci - RAP 2800 Mafia- e os djs Diego Amido e David García.
As entradas poderán sacarse na Casa da Cultura, a través da plataforma ataquilla.com ou no propio auditorio ata completar aforo.