Vilalba impulsa con urxencia a mellora do acceso aos barrios da Bouza e Lourixe en Nete
O Concello de Vilalba acometerá de maneira urxente a rexeneración do vial que conecta os barrios da Bouza e Lourixe, na parroquia de Nete. O vicealcalde, Modesto Renda, anunciou que o proxecto, aprobado por unanimidade no Pleno, se adxudicará "con carácter prioritario" na primeira semana de decembro. Renda destacou que esta actuación responde á necesidade de mellorar un tramo de acceso esencial para a veciñanza de Nete, afectado polo desgaste e en mal estado de conservación.
A data de adxudicación está suxeita á modificación orzamentaria necesaria para o financiamento dos traballos. Trala exposición pública de 15 días hábiles, obrigatoria por normativa, o Concello procederá á adxudicación o día seguinte á finalización dese prazo.
O vicealcalde sinalou que se trasladará á empresa encargada o carácter de urxencia da obra, coa fin de que os traballos comecen de inmediato. Con esta mellora, o Concello de Vilalba busca asegurar a accesibilidade e seguridade viaria nos barrios de Lourixe e a Bouza, reforzando o compromiso coa calidade das infraestruturas en Nete.