Vilalba impulsa obras por máis de 375.000 euros para mellorar infraestruturas e espazos públicos

TerraChaXa
Melloras na Casa da Cultura, un sistema de sombra na avenida Terra Chá e actuacións no firme de varias rúas foi o contido do Pleno
pleno-vilalba-orzamentos
2 Jul 2025

O Concello de Vilalba vén de aprobar, por unanimidade nun pleno extraordinario, tres proxectos que suman máis de 375.000 euros de investimento e que permitirán avanzar na mellora de diferentes infraestruturas municipais. Estas actuacións, promovidas pola área de Infraestruturas Urbanas, abranguen desde a rehabilitación da Casa da Cultura ata a humanización de espazos e a mellora de rúas no polígono industrial.

Un dos proxectos, con 140.000 euros de orzamento, permitirá acometer a reparación e mellora da cuberta da Casa da Cultura, que presenta filtracións recorrentes. Tamén se procederá ao pintado da fachada e á substitución parcial da cuberta, co obxectivo de recuperar este espazo e poñelo en valor, tendo en conta as vistas que ofrece ao Parador e á Pravia. Estes traballos contarán co apoio económico da Deputación de Lugo, segundo explicou o concelleiro Luis Fernández.

Outro dos proxectos aprobados contempla a creación dun innovador sistema de sombra na Avenida Terra Chá, baseado en plataformas elevadas con árbores autóctonas e bancos para favorecer o descanso e o encontro social. Cun orzamento de licitación de 45.888 euros, será financiado nun 80% pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e contará cun prazo de execución de catro meses e medio.

O terceiro proxecto permitirá reforzar o firme e mellorar a sinalización nas rúas Castiñeiro, Salgueiro e Acivro, situadas no parque empresarial de Vilalba, para facilitar o tráfico e a seguridade nesta zona estratéxica para a actividade económica local. Este investimento ascende a 190.000 euros, dos cales o Concello asumirá o 40% do custe total.

⚙ Configurar cookies
0.11346912384033