Vilalba impulsa un ciclo de actividades para abordar o impacto das redes sociais nos menores

O Concello de Vilalba, a través da Concellería de Servizos Sociais, pon en marcha un ciclo de actividades dirixidas a familias de menores co obxectivo de reflexionar e achegar recursos sobre o uso das novas tecnoloxías e as redes sociais por parte da mocidade.
A primeira das sesións terá lugar o luns 28 de abril, na Biblioteca Municipal, en horario de 18:30 a 19:30 horas, e estará centrada na adicción ás redes sociais e as condutas asociadas. Trátase dunha ocasión para que pais e nais poidan compartir inquedanzas, coñecer ferramentas de prevención e falar con profesionais sobre unha realidade cada vez máis presente no día a día das familias.
Este ciclo continuará os días 5 e 19 de maio, cun formato flexible que permitirá asistir a unha ou a varias das xornadas, segundo a dispoñibilidade e o interese das persoas participantes.
O día 5, co mesmo horario falarase de Xestión de tempo de conexión cos maiores, con recomendacións e recursos para unha mellor xestión das tecnoloxías no ámbito familiar. O día 19 tocará falar de tolerancia á frustración, autoestima e autonomía, todas estas, problemáticas asociadas ao uso das tecnoloxías nos menores.
As prazas son limitadas e é necesario inscribirse previamente a través desta ligazón. A iniciativa busca ofrecer un espazo de apoio e aprendizaxe, favorecendo un uso máis consciente e seguro das tecnoloxías por parte da infancia e adolescencia.