Vilalba inaugura este venres o renovado parque da rúa Emigración

TerraChaXa
A principal novidade é unha corda tirolesa de 25 metros de lonxitude
parque-vilalba-inauguracion
23 Out 2024

O Concello de Vilalba vén de anunciar que este venres, 25 de outubro, a partir das 17:00 celebrará a inauguración do renovado parque da rúa da Emigración, no cal se instalou unha corda tirolesa de 25 metros de lonxitude.

O Concello de Vilalba decidiu levar a cabo esta actuación en resposta á petición que os nenos e nenas do Consello da Infancia e da Xuventude fixeron á alcaldesa, Marta Rouco, quen explicou que se trata "dunha primeira actuación que se completará co acondicionamento e o arranxo dos principais elementos de xogo dos demais parques do casco urbano".

Nesa liña, a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, asegurou que "coñezo o estado dos parques do casco urbano e son varias as familias que nos trasladaron a necesidade de actuar neles, polo que xa valoramos tanto a compra de novos elementos de xogo como o arranxo dos actuais".

En canto a novidades, tamén o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, adiantou que "estase analizando a posibilidade de construír unha pista multideporte na zona da Avenida da Terra Chá, o que permitirá ofrecer unha maior variedade de actividades de lecer e diversificar a localización dos parques ao longo do casco urbano".

Pola súa banda, dende a Concellería de Infraestruturas Urbanas tamén anunciaron que a inauguración do renovado parque da Rúa da Emigración contará cunha merenda gratuíta para todos os nenos e nenas asistentes, que ademais poderán estrear a corda tirolesa e gozar dos demais elementos de xogo que se arranxaron para mantelos no parque.

Así pois, as familias tamén poderán gozar das novas zonas de descanso e coñecer os detalles dun renovado parque que conta cunha innovadora estrutura aberta e accesible para favorecer a integración do mesmo na contorna.

Dende o Concello de Vilalba "convidamos e animamos a todos os nosos veciños e veciñas a que se acheguen a coñecer o resultado final da obra e, por suposto, ás familias para gozar dunha xornada de lecer" afirmou a alcaldesa, Marta Rouco.

A celebración da inauguración dependerá das condicións meteorolóxicas, ofrecéndose máis información en vindeiras datas no caso de posibles modificacións de datas ou lugares de entrega das merendas gratuítas.

0.18929600715637